Flexibilidade, chave da inserción laboral das persoas con autismo

Galiza conmemora esta sexta feira, 2 de abril, o día mundial de concienciación sobre o autismo, un trastorno co que conviven uns 27.000 galegos e galegas. O lema deste ano, 'Podo aprender. Podo traballar', pon o foco na educación e o emprego, dous ámbitos esenciais para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA.

"Todos os compañeiros son marabillosos, pero este, é algo máis. Explícame en que consisten as miñas tarefas e como teño que facer. Cando hai algo que non sabemos como vai, entre todos axudámonos". Quen fala é Javier Valiño Rodríguez, usuario do programa de formación de Aspanaes, a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), e celador do Servizo Galego de Saúde no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.

'Podo aprender'

Javier ten 35 anos e vén de aprobar unha oposición que lle deu acceso, como profesional sanitario, ao sistema galego de saúde, onde desenvolve un labor de apoio e coidado fundamental a canda outros compañeiros. 

Segundo relata nun vídeo conmemorativo realizado pola Federación Autismo Galiza, Javier Valiño traballa sete horas diarias na quenda de mañá. Manexa carros, move caixas de material e traslada as provisións necesarias entre o Hospital Naval e o Arquitecto Marcide, segundo as necesidades de cada centro. 

Non é un logro que conseguise da noite para a mañá. "Estudei durante case dous anos. Estudei moito, pero leveino ben coa axuda do meu preparador laboral. Aprendeume a organizar o temario, a concentrarme, e poñíame exames cada semana. Quedei encantado coa axuda que tiven".

'Podo traballar'

Valiño agradece a apoio que recibiu de Aspanaes. "A min non se me dá ben estudar", recoñece, pero cos consellos que lle ofreceron sobre como planificar o día a día ou as horas que lle debía dedicar ao estudo, "funo sacando pouco a pouco".

Javier aprobou e sacou a praza. Cando se incorporou ao Arquitecto Marcide fíxoo da man do seu preparador laboral. "Fernando acompañoume durante o primeiro mes, pero aos 15 días xa me foi deixando máis a min só porque vía a miña progresión". 

A inserción laboral dunha persoa con autismo require apoio, coñecemento e adaptación. E neste proceso, o contorno laboral xoga un papel decisivo. "O recibimento que tiven foi moi bo. Todos me preguntan se estou contento ou como me vai. Preocupámonos os uns polos outros". Unha atención recíproca e necesaria, que no caso de Valiño agora é máis visíbel na figura dun compañeiro de profesión -Antonio-, que exerce de guía e referencia máis próxima para el dentro do hospital. Fóra, non deixou de acudir a Aspanaes para falar do  traballo, mellorar a súa integración e avanzar.

O seu exemplo serve para poñer de manifesto as capacidades que teñen "todas as persoas con autismo", destaca Mercedes Fernández Angulo, presidenta da Federación Autismo Galiza, que este ano conmemora o seu 25 aniversario.

Atención á diversidade

"Con adaptación e apoio específico, tanto na etapa educativa obrigatoria como cando acceden á universidade, están en condicións de atopar unha vía de traballo que lles dea calidade de vida e maior autonomía".

Neste sentido, a Xunta da Galiza traballa nun Plan de atención á diversidade no que colaboran familias e colectivos sociais. Un texto normativo que aspira a implantar "un modelo de escola plenamente inclusiva", defenden desde a Administración galega.

Fernández Angulo pon o foco na "flexibilidade individual" que precisan as persoas con TEA no ámbito escolar. "Necesitan unha adaptación do contorno educativo e unha atención especializada acorde co nivel cognitivo de cada unha". Malia que se están creando estes apoios, explica, "aínda son moi deficitarios". 

A presidenta de Autismo Galiza reclama maior compromiso e coñecemento deste trastorno por  parte do profesorado e asegura que malia o avance rexistrado nos últimos 15 anos en recursos e estratexias que garantan a inclusión das crianzas nas escolas para encamiñalas cara unha vida autónoma, "queda moito por facer". 

"É un trastorno moi específico e ademais, cada persoa con autismo é distinta. Todas. Polo tanto é necesario que titores, terapeutas, logopedias e persoal de apoio coñezan a especificidade do autismo para traballar cada caso".

A maiores, demanda un esforzo no extra no diagnóstico precoz e na atención temperá para ofrecerlles "canto antes" apoios chaves para o futuro.

Flexibilidade laboral

O acceso ao mercado laboral é o seguinte chanzo. "A sociedade ignora o potencial e a capacidade de traballo das persoas con autismo", observa Fernández Angulo. "Elas queren aprender e ser autónomas, pero os traballos non están adaptados nin son flexibles como require a mocidade con TEA". Como calquera outra persoa que accede a un posto por primeira vez necesitan apoios específicos, aprender novas rutinas, afacerse ao contorno e gañar independencia.

"Todo se consegue. É un gran logro"

Javier Valiño anima a todas as persoas con autismo a seguir o seu exemplo. "Que o intenten, que se preparen, porque é moi posíbel que aproben a oposición". Ademais, engade, "é un bo logro", persoal e profesional.