Análise

A fiscalización do corpo das mulleres

A cantidade de tratamentos de beleza e as operacións de cirurxía estética van en aumento (Foto: Felipe Mattos).
Lola Varela é Profesora experta en coeducación.

Remataba a miña anterior colaboración titulada O nudismo, o corpo e o consumismo, cismando que a menor presenza de xente moza nas praias nudistas podía deberse a esa necesidade de lucir un corpo normativo de ximnasio e traxes de baño á moda. Para afondar nesa reiterada preocupación polo corpo, unha amiga, a profesora e escritora Amada Traba, pasoume información de Ayme Roman, divulgadora feminista catalá, graduada en Filosofía,  que nos seus traballos aborda as posibles causas e consecuencias da fiscalización do corpo das mulleres. 

Ese corpo das mulleres convertido normalmente en obxecto de desexo que Laura Mulvey, teórica británica do cine feminista e autora de Placer visual y cine narrativo (1975), denominou “a mirada masculina” ou como o inconsciente patriarcal estrutura a mirada fílmica cando, por exemplo, a cámara salienta as formas da figura feminina enfocando de abaixo a arriba. 

As nenas están xa desde a infancia máis preocupadas polo seu corpo que os nenos; coa adolescencia esta preocupación medra, de xeito que elas alértanse co sobrepeso, mentres eles non, ata que están obesos. O nivel máis alto de insatisfacción co seu corpo nos mozos é o mínimo nas mozas. Por qué esta vixilancia corporal permanente? Existe un modelo de beleza feminino ao que cómpre se cinguir e o feito de adelgazar, engordar, vestir de xeito persoal, non depilarse… abre a porta a críticas, insultos e descualificacións, máis aínda se falamos de personaxes públicos. Non podemos deixar de coidarnos, de ser atractivas, de achegarnos ao canon establecido. 

Tamén hai homes con trastornos alimentarios, dismorfia corporal ou insatisfacción co seu corpo, pero existe unha gran disparidade de xénero respecto das mulleres, debido á diferente socialización e ás mensaxes e xuízos estéticos aos que se pretende someternos. Non estamos a falar, xa que logo, de casos illados senón dunha cuestión de xénero. Asemade, mentres o modelo de beleza feminino é, practicamente, único, no caso dos homes existe unha pluralidade que o fai máis heteroxéneo.

O nivel de investimento para mellorar o noso aspecto presenta unha preocupante fenda de xénero

Podemos analizar, como di Roman a modo de exemplo, ás presentadoras e presentadores de TV e poderemos comprobar que eles poden ser novos ou maduros, máis altos ou baixos, delgados ou non, e mesmo, sen demasiado atractivo. Pola contra elas, sempre novas, esveltas e obxecto de desexo, segundo a pauta imperante. As mulleres temos peor percepción da nosa imaxe, por ter que responder a un modelo moi estrito; porén, eles teñen máis normalizado saírse do guión pola variedade de patróns a seguir e por que non están obrigados a 
ser desexables. 

Teoría da cousificación

Falamos da “Teoría da cousificación” (Bartky, 1990), cando reducimos a valía dunha muller ao seu corpo ou partes del, e o ritual obrigatorio de estar constantemente pendentes da propia imaxe é o que se denomina “autocousificación”. A ollada cousificadora vólvese cara unha mesma, de maneira que as mulleres pasan a ver a súa propia imaxe desde a perspectiva dun observador e a se considerar como unha cousa, un corpo ao que as demais persoas miran e avalían. A muller convértese en suxeito e obxecto ao tempo, no canto de establecer unha relación dialéctica coas outras persoas; e isto ten consecuencias negativas para a saúde física e psíquica das mulleres.

O investimento constante de tempo, enerxía e cartos para mellorar o noso aspecto presenta unha preocupante fenda de xénero; así, unha muller media americana emprega diariamente 55 minutos en coidarse, un gasto de 8$ e 16 produtos de beleza, na procura desa boa presenza que a faga máis atractiva, ese ideal de perfección que non existe, que é un engano, un espellismo. Pero a cantidade de tratamentos de beleza e as operacións de cirurxía estética van en aumento: antes foron os peitos e o nariz; agora, os implantes de glúteos, o coláxeno e o botox.

Daquela, dada a importancia actual das redes sociais, algunhas “influencers” aprovéitanse das súas seareiras ao facer publicidade de determinados produtos, tratamentos ou intervencións médicas, vendéndolles a miraxe de se asemellar a cada máis ao modelo e acadar a mellor versión delas mesmas. Tamén certas publicacións, dedicadas a difundir imaxes de famosas con “defectos”, pretenden convencernos de que non son perfectas e de que nós poderíamos achegarnos a ese ideal.

Trátase, en definitiva, de desaprender certas asociacións moi arraigadas entre beleza, coidados, empresas e consumismo. Facer visible e naturalizar o paso do tempo, a peluxe, as estrías e a celulite. En palabras de Ayme Roman: “Non podemos nin queremos ser 24/7”.