De 6% a 8% das persoas residentes puideron falecer desde marzo

A Fiscalía tramita 10 querelas contra residencias de maiores

A fiscal de Sala de Discapacidade e Maiores, María José Segarra. (Foto: Europa Press)
A fiscalía mantén abertas 10 causas na Galiza contra outros tantos centros de maiores pola súa xestión durante a pandemia. Os datos ofrecidos hoxe pola Fiscalía sinalan tamén que entre 6% e 8% das e dos usuarios puideron falecer desde o mes de marzo. O Ministerio Público anuncia novos procedementos.

A fiscal de Sala de Discapacidade e Maiores, María José Segarra, deu conta onte en rolda de prensa da actividade desenvolvida polo seu departamento en relación coa xestión que teñen feito da pandemia os operadores da dependencia e dentro destes os centros de maiores.

Nese sentido sinalou que na Galiza a Fiscalía tramita 11 expedientes de 209 que mantén actualmente abertos o Ministerio Público no conxunto estatal, situándose á cabeza Madrid, con 112; seguida de Castela e León, con 19, Catalunya, con 15, Estremadura, con 12 e Castela-A Mancha con 11.

A Fiscalía tamén ofreceu datos sobre o obxecto das denuncias. Así, o 42% das denuncias recibíronse por homicidios por imprudencia, 36% pola situación xeral dos traballadores das residencias (163); situándose a continuación os delitos contra a saúde do persoal traballador; deficiencias na atención médica; lesións; trato degradante; abandono de familia; prevaricación e rexeitamento de traslado a UCI.

A maiores das causas que se libran na xurisdición do penal, as residencias e a Administración galega enfrontan diversos procedementos de responsabilidade civil.

Segarra, que compareceu onte ante os medios de comunicación acompañada da fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado, salientou que a pandemia puxo de manifesto os fallos do modelo residencial, como os de gobernanza nos centros e a falta de medios médicos e persoal cualificado.

Tamén a existencia de persoal traballador con escasa remuneración e incentivos, aos que se uniu a falta de recursos no sistema público de saúde que produciu un déficit de atención en residencias.

A fiscal de Sala de Discapacidade e Maiores ofreceu ao longo da súa comparecencia un dato aproximado de falecementos da poboación de residentes, que foi de entre 6% e  8% para o conxunto estatal, aínda que apuntou que esa cifra corresponde fixala ao Instituto Nacional de Estatística (INE).