XESúS ANXO LóPEZ PINTOS, SECRETARIO COMARCAL DA CIG-FERROL

"A Fiscalía ten un obxectivo: axudar o PP a desactivar calquera mobilización"

X.A. López Pintos [Imaxe CIG]

López Pintos foi acusado dun delito de "atentado" por participar nunha concentración en defensa do sector naval ferrolán en 2012.

 

Xesús Anxo López Pintos é secretario comarcal da CIG en Ferrol. En outubro de 2012 foi detido após unha carga policial que se produciu durante unha concentración ás portas dun mitin do Partido Popular.

Naquela altura Pintos denunciou ter sido torturado pola policía na comisaría. Agora, a Fiscalia pídelle 2 anos e 9 meses de cadea por un delito de "atentado" con "agravante de reincidencia", "coacción" e "danos" a un axente, para alén dunha multa de 870 euros en concepto de indemnización e outros 20 días de multa cunha cota de 7 euros por día a teor da súa "responsabilidade persoal subsidiaria". Así mesmo, solicitan a suspensión durante a condena do seu dereito de sufraxio pasivo como "inhabilitación especial", segundo o auto emitido polo xulgado e ao que tivo acceso Sermos Galiza

Segundo o sindicalista, o seu proceso xudicial --que se tramitará a petición da fiscal por procedemento abreviado-- ten como obxectivo "acojonar" e intimidar cun "escarmento" ás e aos traballador@s para que desistan das súas mobilizacións. Así as cousas, di, "non teño medo a entrar en prisión" pois "son unha persoa activa e sempre dou a cara". 

"Con estas acusacións a vítima vólvese verdugo, é unha auténtica barbaridade"

Como valoras a petición de condena presentada pola Fiscalía?
A vítima vólvese verdugo. É unha auténtica barbaridade. Ademais, a Fiscalía ten un claro obxectivo que é axudar o PP a desactivar calquera mobilización que critique a súa xestión política. Máis aínda coa proximidade das eleccións municipais e nun lugar como Ferrol onde estamos claramente peor que hai 4 anos. Temos unha taxa de desemprego do 32%.  

Que aconteceu aquel día?
Foi o 4 de outubro de 2012. Iniciábase a campaña electoral das autonómicas. Ao longo de todo o mes de setembro os comités de empresa de Navania Ferrol-Fene estiveran fechados no Salón de actos de Ferrol defendendo carga de traballo para o naval e o levantamento do veto no estaleiro de Fene. Ese día os comités convocaron unha concentración diante do Hotel Almirante, onde se ía iniciar a campaña do PP. Querían expresar o seu malestar e as consecuencias xeradas pola súa nefasta xestión tanto no Goberno de Madrid coma na Xunta de Galiza. Bon, había tamén problemas na empresa Poligal. O comité aproveitou para sumarse á protesta. Doutra banda estaba xente de toda índole, representantes políticos e sindicais. Eu estaba como secretario comarcal da CIG pois perante o chamamento de Navantia e Poligal decidimos ir apoiar. Houbo abucheos a entrada dos representantes no hotel. O que se fai normalmente nunha protesta. Niso chamaron á policía e cando rematou o mitin --arredor das doce da noite-- os primeiros en saír foron Rei Varela, alcalde de Ferrol, e Calvo, presidente da Deputación da Coruña e do PP da provincia.

"Déronme 9 porrazos na cabeza, conteinos. Non vía nada. Ao noveno caín de xeonllos"

Saíron escoltados pola policía e marcharon. Unha vez que saíu esa xente nós tamén comezamos a marchar. A policía comezou case a nos arrinconar e nun momento fixeron unha carga. Eu estaba mirando para eles pois comezaron a darlle paus á xente que estaba por alí. Sen darme de conta xa estaba no medio deles. Déronme 9 porrazos na cabeza, conteinos. Non vía nada. Ao noveno caín de xeonllos, funme para atrás e nese momento botáronseme enriba e puxéronme os grilletes. Leváronme uns 20 policías para un coche. Ía aturdido, sangrando... Cando cheguei a comisaría sentáronme nun banco e, un deles, penso que o que máis porrazos me deu, veu xunto a min e pegoume dous puñetazos na cara. Berrábame que era un sinvergüenza, un covarde. Tivéronme así máis de dúas horas esposado. Tiña tan apertados os grilletes que non sentía os dedos mais cando lles pedín que mos quitaran pasaron de min. 

No vídeo difundido pola canle de televisión La Sexta un dos policías díxoche que te deses a volta ou que che rebentaría a cabeza...
Nós presentamos unha denuncia por maos tratos na comisaría, desproporción na detención e até torturas, tanto físicas como psicolóxicas. O xuíz de instrución arquivouna. Recorremos ese arquivo e estamos á espera do ditame. Outros tres compañeiros da executiva comarcal da CIG que acudiron para preguntar por min tamén denunciaron ter sido agredidos na comisaría. Os meus avogados pediron que as nosas denuncias fosen tratadas por procedemento abreviado, como solicita a Fiscalía coas súas acusacións, mais a xuíza dixo que o noso non ía ser tramitado por esa vía. Mesmo o atestado da miña detención non ten nen pés nen cabeza. Dise de min que eu era o cabecilla. Que dirixía ás persoas que estaban alí. Aínda cando no comité de Navantia a maioría tena CC.OO e no de Poligal, a UGT. Porén, din que eu era o que daba as ordes alí. É o mundo ao revés. Logo está a acusación do Partido Popular por coaccións e máis delito electoral. 

A Fiscalía chama a declarar como testemuñas a Hipólito Fariñas, Miguel Ángel Tellado, Diego Calvo e José Manuel Rey Varela, todos do Partido Popular...
Eles xa abandonaran o edificio e non viron a carga policial. Aparecen no escrito da Fiscalía como acusadores. Como me conocen, o obxectivo é dar un escarmento. Estamos, ademais ás portas dunhas eleccións municipais. O PP está moi coordinado coa Fiscalia, é evidente que a tramitación do proceso xudicial por procedemento abreviado reflicte o interese por que a sentenza saia antes dos comicios. Creo que está ben claro. 

"As forzas policiais están instaladas no pensamento franquista e están a levalo á práctica"

Coidas que sentenzas coma esta cumpren o seus obxectivos?
Hai xente que se convocan unha manifestación e ve que poden detelo ou pórlle unha multa non vai. O medo é libre e, como di o dito, quen ten cú ten medo. Aliás, as forzas policiais están instaladas no pensamento franquista e están a levalo á práctica. O que temos que facer nós é mudar este modelo económico e social xunto con estes gobernantes. Non poden estar gobernando en Galiza e no Estado os neofascistas. O ministro do Interior é un fascista e ademais un integrista relixioso católico, iso sábeo todo o mundo e el é quen nomea os delegados do Goberno. Ou se quita a esa xente ou se non imos telo moi fastidiado. Vímolo cando veu Merkel, tentouse facer unha protesta e denunciar a xestión que están a facer. Alí vimos o que había. Para alén das cargas, aínda poden chegar multas e sancións, porque fotos hai. Sabemos, ademais, que esas imaxes chegaron a todas as comisarías das cidades do país para ver se se recoñecía a algunha persoas das que estabamos por alí. Temos que pelexar contra isto. Que saiban que non temos medo. 

Denunciaches os insultos proferidos por estares afiliado á CIG...
Cando me machucaban o da CIG era unha obsesión. De feito un compañeiro que estaba na concentración e que por desgraza faleceu hai uns meses díxome que cando chegou a policía local un axente díxolle a outro "Viche aquel de alí?". Pouco despois vinme metido no medio de todo aquilo. Ademais, na comisaría escoitaba como se insultaba os compañeiros que se concentraban fóra e aos que se referían como "esos cabrones de la CIG". 

Imaxe interior: Suso Pazos