A Fiscalía Superior remite á da Coruña a denuncia polos abortos sen asistencia

[Imaxe Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña]

Coida que non existe delito nos feitos narrados mais que cómpre investigalos polas "versións contraditorias" entre pacientes e autoridades sanitarias.

A Fiscalía Superior de Galiza encamiñou á Fiscalía da Coruña a denuncia presentada polo Defensor do Paciente a respeito dos abortos no segundo trimestre que se estaban a levar a cabo no Hospital Teresa Herrera sen asistencia médica. A denuncia foi reminita após os testemuños recompilados pola Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña, o COF e os medios de comunicación. 

Nun escrito asinado por Carlos Varela, o fiscal sinala que de acordo co relato ofrecido polo Defensor do Paciente "os feitos, tal e como veñen redactados, non teñen encaixe en ningún precepto do Código Penal, cando menos mentres non exista unha denuncia individualizada na que se poidan acreditar concretos comportamentos ilícitos que teñan relevancia penitenciaria". 

Investigar por "prudencia"

"Aparentemente, a denuncia ten a ver máis con disfuncións na prestación de servizos que son competencia da administración da administración sanitaria que con feitos de natureza delitiva", acrecenta, "polo que non fica xustificada a intervención do Ministerio Fiscal". Desta maneira, declina tomar parte no conflito, porén, asegura que existen "versións contraditorias" entre "os utentes e os servizos xinecolóxicos do hospital" polo que "a prudencia aconsella realizar a correspondente investigación" polo que remite o caso á Fiscalía Provincial da Coruña. 

Existen "versións contraditorias" entre "os utentes e os servizos xinecolóxicos do hospital" polo que "a prudencia aconsella realizar a correspondente investigación"

O Defensor do Paciente na súa denuncia pide que se inicie de oficio unha investigación após as denuncias públicas que narran interrupcións do embarazo durante o segundo trimestre de xestación ás que "non se lles garante que estexan atendidas por persoal médico, nen recibir a epidural" como denunciou a Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña e o propio Centro de Orientación Familiar (COF) da Coruña. 

A asociación ve unha "presunta mala fe, denegación de asistencia e dano psicolóxico ás mulleres con coñecemento de que se está a facer" polo que exixen sexan depuradas responsabilidades ao poder incorrer nunha forma de "maltrato" ás mulleres como é a violencia obstétrica.