A Fiscalía non revisará as penas de delitos sexuais se seguen vixentes na Lei do 'só si é si'

O fiscal xeral do Estado español. (Foto: Europa Press)
O decreto será de "obrigado cumprimento" para todos os fiscais.

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, ditou esta segunda feira un decreto para que os fiscais dean "unha resposta uniforme" ás revisións de condenas firmes suscitadas pola entrada en vigor da Lei de garantía integral de liberdade sexual, estabelecendo que non se modificarán cando a pena imposta poida ditarse co novo marco penal.

"É dicir, a revisión só procederá cando a pena efectivamente imposta exceda en abstracto da que correspondería impoñer en aplicación dos preceptos da nova lexislación penal", explica a FXE nun comunicado. En calquera caso, subliña que "cada procedemento deberá ser analizado individualmente, fuxindo de automatismos que impidan valorar as concretas circunstancias concorrentes en cada caso".

A Fiscalía tamén aclara que este decreto, "de obrigado cumprimento" para os fiscais, "ditouse para non demorar as pautas concretas para a revisión de sentenzas até a publicación dunha circular do fiscal xeral do Estado, que se emitirá proximamente unha vez se someta ao preceptivo informe da Xunta de Fiscais de Sala".

Segundo explicaron outras voces xurídicas, a lei do 'só si é si' provocou que o delito de agresión sexual absorba o de abuso sexual, o que significa que un delito que até o de agora recollía unha conduta máis grave incorpore unha de menor gravidade, polo que a pinza penal tamén se ampliou para abarcar todo o abanico de comportamentos penados agora como agresión sexual.

Solicitude de información

Xa o pasado 17 de novembro, o xefe do Ministerio Público ordenou aos fiscais superiores que solicitasen e remitisen a información sobre os casos de condenas por delitos sexuais que se revisaron froito da entrada en vigor desta lei.

García Ortiz deu a orde de que os fiscais superiores remitan á FXE "aqueles autos ditados polos xulgados ou tribunais de xustiza do seu territorio nos que se procedeu á revisión de sentenzas firmes condenatorias, así como os informes emitidos polo Ministerio Fiscal nas respectivas executorias".

Así o trasladou a xefa da Secretaría Técnica da FXE, Ana García León, co obxectivo de "realizar un seguimento das resolucións xudiciais que supoñan unha redución das penas impostas en sentenzas firmes tras a entrada en vigor da citada lei orgánica".

As fontes fiscais consultadas por Europa Press explicaron entón que a intención era analizar os casos nos que se revisaron as penas impostas para ver se hai disparidade de criterios entre os fiscais dos distintos casos e se é necesario emitir unha circular para unificalos.