A Fiscalía recoñece que unha condena da Audiencia Nacional contra Carlos Calvo provocoulle “indefensión”

O Tribunal Supremo podería absolver o preso independentista. Contra Carlos Calvo Varela pesa outra condena de 7 anos.

O Tribunal Supremo absolverá previsibelmente o preso independentista Carlos Calvo, condenado pola Audiencia Nacional a 7 anos de cárcere por faciltar un artefacto que estourou en 2011 ás portas dun banco de Vigo, após que a Fiscalía apoiase esta terza feira que a sentenza da AN na súa contra construíu “un feito novo” e provocoulle indefensión, tal e como explicou a defensa.

En abril deste ano Calvo foi xulgado na Audiencia Nacional acusado de colocar un artefacto explosivo nunha entidade bancaria de Vigo. Mais a sentenza da AN condenaba a Calvo non por esa suposta colocación, mais por entregar o artefacto a outra persoa -algo polo que non era xulgado- e sen que se soubese nada relativo a esa identidade. En base a isto, diferentes expertos citados por axencias, sinalan que o TS podería absolvelo. Sobre o preso independentista pesa outra condena de 7 anos de cárcere.

A principios de ano, a Sala do Penal do Tribunal Supremo rebaixou de 12 a 7 anos de prisión a condena a Carlos Calvo Varela. O Alto Tribunal estima parcialmente o recurso presentado e consideraba que non había probas de abondo para condenar a Carlos Calvo polos delitos de integración en banda terrorista , como fixo a Audiencia Nacional.