A Fiscalía pide penas de prisión para 4 persoas por un piquete na greve xeral de 2010 en Lugo

CIG denuncia “desproporcionalidade” e considera que esta petición se enmarca nunha “dinámica de represión”.

Cinco persoas foron xulgadas esta segunda feira en Lugo en relación á greve xeral de setembro de 2010, hai sete anos. A Fiscalía solicitou para catro delas penas de cárcere por un “delito de atentado” e a unha quinta impútalle “un delito de faltas”. Para a CIG estamos perante peticións “desproporcionadas” e lembra que o xuízo está a decorrer sete anos despois dos supostos feitos.

 

Unha concentración ás portas do xulgado solidarizábase coas persoas acuasadas e denunciaba que se estaba a “criminalizar os piquetes”. “A loita é o único camiño” e “a loita obreira non é delito” foron algunhas das palabras de orde coreadas polas persoas concentradas, que levaban a faixa co lema “Solidariedade cos traballadores represaliados”.

 

Lois Neto, da CIG, denunciou que estes xuízos e peticións da Fiscalía enmárcanse na “dinámica represiva dos movementos sociais e da clase traballadora” que se deron nos momentos máis duros da crise, ao tempo que denunciaba o “recorte de dereitos”. 

 

A vista prevista para a mañá de onte quedou finalmente adiada até o próximo 13 de novembro.