A Fiscalía pide seis anos de cárcere para dous acusados de consentir verteduras continuadas en Cerceda

Vertedoiro de residuos (Foto: Nós Diario).

Os directivos da empresa acusados de delito ambiental negan ser responsábeis de verteduras

Dous directivos dunha empresa que tiña por obxecto o tratamento e eliminación de residuos non perigosos en Cerceda (comarca de Ordes) negaron ser responsábeis de verteduras nun xuízo que comezou esta segunda feira, 25 de setembro, na Audiencia Provincial da Coruña.

Trátase dun pai e un fillo acusados dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente e para os que Fiscalía pide seis anos de cárcere, respectivamente, ademais do pago dunha indemnización duns 500.000 euros á Xunta da Galiza.

Na primeira sesión da vista oral (que se prolongará até esta terza feira) o pai explicou que non interveu na xestión do vertedoiro e que tivo coñecemento das sancións porque "esas cousas ás veces falábanse na casa". "Nunca levei nada diso, quen sabía de vertedoiros era el", puntualizou sobre o seu fillo.

Pola súa banda, o outro acusado sinalou que a empresa entrou en concurso de acredores no ano 2012 cando quedan "sen recursos" e que llo comunicou á Xunta. "Impermeabilizamos o vaso en 2012 e certificouse, pero quedamos sen diñeiro para facer o selado".

"Pedimos á Xunta que executasen os avais que eran os únicos que podían facelo", engadiu tras explicar que a el, desde a súa inhabilitación no ano 2014 por un prazo de cinco anos, "non lle deixan entrar" no vertedoiro e por tanto, "non se fai responsábel" de riscos de verteduras de lixiviados. "Non tiña chaves, déronmas en 2018", apuntou.

Con todo, o procesado asegurou que as sancións impostas á empresa durante eses anos non tiñan relación "en absoluto" con verteduras de lixiviados e tamén indicou que no ano 2015, a Xunta, o Concello e Augas da Galiza "non tiñan ningún problema" respecto a esta cuestión.

Feitos

Segundo recolle o escrito de cualificación fiscal, desde polo menos o ano 2012 e até marzo de 2016, os acusados, no vertedoiro de residuos non perigosos situado en Cerceda (comarca de Ordes) "incumpriron, sendo plenamente conscientes diso, e coa finalidade de aforrar custos á empresa e maximizar os seus beneficios, a autorización ambiental" para este tipo de actuacións.

En concreto, o Ministerio Público lembra que nela estabelécese que "en ningún caso existirá vertedura ao dominio público hidraúlico do lixiviado xerado". Con todo, sinala que ambos os acusados "conxunta e concertadamente segundo o rol de cada un" na empresa (que tiña por obxecto o tratamento e eliminación de residuos non perigosos) "toleraron, promoveron e consentiron as verteduras".

"Prescindindo, ademais, intencionadamente de realizar os controis analíticos estabelecidos, así como o control e entrega de lixiviados xerados na actividade ao xestor autorizado, procurando así, que ditas verteduras continuasen no medio, sen control algún de maneira continua e durante longos períodos de tempo, até a intervención da autoridade ambiental".