Fiscalía de Ourense pide apertura de xuízo oral contra a muller que denunciou Baltar

Por un delito de coaccións. O BNG pide que sexa cesado o fiscal xefe de Ourense por "perseguir as vítimas".

Florentino Delgado, fiscal xefe de Ourense, solicitou a apertura dun xuízo por un delitod e coaccións contra a muller que denunciou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, por supostamente ofrecerlle un emprego en troques de manter relacións sexuais.

 

O fiscal considera que hai “indicios racionais sólidos” que apontan a que esta muller quería obter un emprego na deputación ou entidades vencelladas sen para iso ter que “realizar as probas de selección legais e necesarias”. Unha postura que o fiscal mantén após basearse nas conversas telefónicas e declaracións achegadas pola denunciante, así como polas declaracións de Baltar e o seu pai, José Luis Baltar.

 

A Fiscalía considera que a muller intentou “presionar” cun “suposto pacto e unha suposta relación sexual” para obter ese posto de traballo. O escrito da Fiscalía sinala que Baltar, embora “se sentir presionado para realizar un acto ilagal”, non o fixo.

 

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas cualifica de “gravidade extrema” a operación de "persecución política" contra a muller que denunciou Baltar. A parlamentaria nacionalista  pedirá que o Fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, sexa afastado do seu cargo.