Fiscalía de Ourense abre dilixencias de oficio para investigar se hai delito ambiental por tirar vagóns ao Sil

A Fiscalía Provincial de Ourense abriu de oficio dilixencias para investigar se existe "un posíbel delito contra o medio ambiente" por tirar dous vagóns dun tren descarrilado en Carballeda de Valdeorras ao río Sil.

Segundo explican fontes xudiciais a Europa Press, a Fiscalía de Ourense abre este procedemento "unha vez que tivo coñecemento dos feitos que se produciron nese tramo" da vía do tren.

O obxectivo é "determinar se ten alcance penal" e se existe un delito contra o medio ambiente. De tal forma, se a Fiscalía de Ourense entende que houbo indicios de delito presentaríase unha denuncia no xulgado, mentres que en caso contrario arquivaríase.

Un tren de mercadorías descarrilou o 28 de xullo preto do núcleo de Sobradelo e, dentro das tarefas para reabrir a vía, o pasado domingo unha máquina empuxou dous vagóns, de forma que un chegou ao río e o outro quedou envorcado no terraplén.

Ante estos feitos, a Xunta  iniciou un expediente sancionador contra o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) no que propón unha multa de 35.000 euros por unha "falta grave" polo sucedido. A Confederación Miño-Sil avanzou tamén que estuda unha sanción económica.

Pola súa banda, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) iniciou o operativo para retirar os vagóns de mercadorías no punto no que descarrilou o tren en Carballeda.