A Fiscalía non aprecia delito no caso Baltar

Asegura que “non houbo uso da forza” nen “intimidación” polo que entende que non se producíu un delito contra a liberdade sexual.

 

O mesmo día en que se coñecía a presentación dunha demanda xudicial contra José Manuel Baltar por un presunto delito de acoso sexual, a Fiscalía resolvía arquivar o caso e non tomar en consideración as probas achegadas pola denunciante que acusou o presidente da Deputación de Ourense de lle ter ofrecido traballo a cambio de sexo.

Segundo o Ministerio Fiscal non se aprecia delito algún nas gravacións e mensaxes telefónicas aportadas pola denunciante nas que non fica claro, di, que lle tivese ofrecido traballo en troca de manteren relacións sexuais.

Aliás, entende que non se aprecia indicio de se ter cometido un delito contra a liberdade sexual posto que a muller é “maior de idade” e “plenamente consciente” ao tempo que “non houbo uso da forza” nen “intimidación”.

Desta maneira, a Fiscalía dá carpetazo ao asunto e non investigará. Tampouco a respeito das declaracións de Baltar, recollidas nas gravacións, nas que asegura ter capacidade para modificar a vontade as puntuacións nos procesos de selección de persoal público.

Ao coñecer a noticia o Partido Popular saíu ao paso através do secretario de organización, Alfonso Rueda, e tildou de “boa” a decisión da Fiscalía. Aliás, aproveitou para se dirixir ás forzas da oposición. “Supoño que agora que o fiscal falou terán que recoñecer que non tiñan razón e que as cousas que dixeron estaban fóra de lugar”, apuntou.

Porén, o proceso xudicial aínda non ficou fechado de todo. Mantense a denuncia presentada á espera de que se resolva a súa admisión ou non a trámite. Neste senso, desde o BNG exixiron a demisión de Baltar porque “non é digno”, asegurou Vence, de permanecer á fronte da institución provincial. “Todos escoitamos o que dixo”, afirmou en relación ás gravacións.

“Pedimos responsabilidades políticas derivadas do uso dun cargo público para pedir favores sexuais a unha muller”, acrecentou Carme Adán, candidata de NÓS pola provincia de Pontvedra.