SOCIAL

A Fiscalía leva ao xulgado varias verteduras da mina de Touro

Antiga explotación de cobre de Touro (Adega)
As verteduras de dúas balsas da mina de Touro e O Pino serán obxecto de investigación xudicial, ante a sospeita da Fiscalía de Medio Ambiente de que poderían constituír un delito ambiental. O fiscal especializado mantén, ao tempo, outras investigacións abertas sobre a contaminación da explotación mineira.

A Fiscalía remitiu ao xulgado de instancia e instrución de Arzúa dúas denuncias relativas á actividade da mina de Touro-O Pino, segundo informa a asociación ecoloxista Adega após unha reunión co fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz e coa Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa. 

Os feitos que deberá investigar o xulgado teñen que ver coas "reiteradas verteduras" da balsa de Bama ao río Brandelos, afluente do Ulla, e ao depósito de materiais contaminantes procedentes desta antiga corta mineira, e, no segundo caso, coas as verteduras contaminantes da balsa de Angumil ao dominio público, para determinar se son constitutivas dun delito contra o medio ambiente.

En paralelo ás investigacións xudiciais, as plataformas contrarias á reapertura da explotación mineira veñen de presentar alegacións, por unha banda, ao proxecto de drenaxe temporal da mina e, por outra, ao proxecto mineiro, após a Xunta abrira un novo prazo para que a empresa complete a documentación do proxecto, en fase de tramitación ambiental.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.