A Fiscalía leva ao Supremo o caso dunha galega que sufriu violencia obstétrica e á que a ONU deu a razón

Crianza acabada de nacer nunha incubadora. (Foto: Jorge García Romeu Senante)

A Audiencia Nacional desestimou o caso alegando non ser competente.

A Fiscalía da Audiencia Nacional recorreu ante o Tribunal Supremo o caso dunha muller galega que, após dar a luz en 2009, foi sometida a unha sucesión de intervencións e actuacións sanitarias realizadas nun hospital do Sergas que lle provocaron tanto padecementos físicos como psicolóxicos que perduraron cando menos durante varios anos.

O Ministerio Público entende que se trata dun episodio de violencia obstétrica que vulnerou os dereitos da paciente, tal e como concluíu en febreiro de 2020 o Comité das Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación sobre a Muller, que recomendou ademais ao Estado español que proporcionara "unha reparación apropiada" á muller.

No informe da Fiscalía indícase que preparan un recurso de casación ante o Supremo logo de coñecerse a sentenza do 12 de abril de 2023 da Audiencia Nacional que arquivaba o asunto.

O fiscal Manuel Campoy sinala que, ademais de vulnerar eses dereitos fundamentais da paciente, deuse tamén unha infracción da normativa estatal e internacional sobre cumprimento dos ditames do Comité da ONU.

Chega a esta conclusión porque a demandante, despois de reclamar pola vía administrativa e xudicial, comunicou os feitos a ese Comité denunciando a existencia de violencia obstétrica. Ese organismo da ONU declarou que se vulneraran os seus dereitos recoñecidos na convención.

Tal e como recolle o informe do fiscal, a muller dirixiuse á Audiencia Nacional despois de que o Ministerio de Xustiza desestimara a súa reclamación de responsabilidade patrimonial con motivo dos danos ocasionados "por funcionamento anormal das Administracións Públicas de xustiza e do Servizo Galego de Saúde".

Dereito a unha maternidade sen risco

O Comité das Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación sobre a Muller chamou a España a “asegurar os dereitos da muller a unha maternidade sen risco e ao acceso de todas as mulleres a unha atención obstétrica axeitada”, proporcionando a información necesaria en cada etapa do parto “requirindo o seu consentimento libre, previo e informado de todos os tratamentos invasivos”, excepto cando a vida da nai ou da crianza estean en risco.

Co ditame do Comité sobre a mesa, a Fiscalía sostivo ante a Audiencia Nacional o carácter vinculante para España desa decisión e interesou a estimación da demanda por considerar vulnerados o principio de igualdade e non discriminación, os dereitos fundamentais á integridade física e moral, e o dereito á intimidade persoal e familiar.

Porén, a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional desestimou o recurso da paciente alegando non ser competente, que o caso prescribira, e que os ditames dese comité son simples recomendacións e suxestións.

Para o Ministerio Público, no seu recurso ante o Supremo en casación, eses ditames, se ben non teñen un carácter executivo para o Estado español, si deben “ser vinculantes e obrigatorios”.