Xustiza

A Fiscalía investigará Abascal por falar de "colgar dos pés" a Pedro Sánchez

O presidente de Vox, Santiago Abascal, durante un acto de precampaña en Eivissa (Illes Balears). (Foto: Germán Lama Europa Press)
No seu día, a formación liderada por Abascal fechou filas arredor do seu líder da man do secretario xeral do partido español de extrema dereita, Ignacio Garriga, que asegurou que non hai "odio" ningún na mensaxe trasladada por Abascal, senón que unicamente "lembra a sorte de moitos ditadores" que tiveron ese final, facendo alusión ao líder fascista italiano Benito Mussolini.

A Fiscalía do Tribunal Supremo (TS) acordou investigar a denuncia presentada polo PSOE contra Vox e o seu presidente, Santiago Abascal, pola súa "clara incitación directa ao odio e a discriminación" despois de que o dirixente declarase ao diario arxentino Clarín que "haberá un momento" no cal o pobo quererá "colgar dos pés" o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Así consta nun decreto asinado pola tenente fiscal do Tribunal Supremo, María Ángeles Sánchez Conde, datado o pasado 10 de xaneiro.

Vox deféndese

No seu día, a formación liderada por Abascal fechou filas arredor do seu líder da man do secretario xeral do partido español de extrema dereita, Ignacio Garriga, que asegurou que non hai "odio" ningún na mensaxe trasladada por Abascal, senón que unicamente "lembra a sorte de moitos ditadores" que tiveron ese final, facendo alusión ao líder fascista italiano Benito Mussolini.

Garriga aproveitou para cargar contra o Partido Popular por "asustarse" e "engurrarse" ante os socialistas logo de que o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, condenase estas polémicas e ameazantes palabras... mais sen perder a oportunidade de criticar tamén de volta o propio Sánchez: "Esta é a estratexia deseñada polo PSOE e polo señor Sánchez, de construír un 'muro entre as dúas Españas', que parece que lle vén ben ao señor Abascal".

Tamén reaccionou o propio líder ultra, que, lonxe de desculparse por esas declaracións, tachou os de Feixoo de "nostálxicos da derechita covarde". Nunha mensaxe publicada a través de X (antes Twitter), Abascal asegurou que as súas palabras sobre Sánchez son "manipulacións do Goberno e das súas meretrices mediáticas", afeando ao PP que as conteste "coma se fosen realidades".