A Fiscalía interroga todas as traballadoras da residencia de maiores de Celanova

Residencia San Carlos de Celanova en Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).

Sobre o que aconteceu na Residencia San Carlos de Celanova durante o brote de coronavirus, afirma o BNG da localidade.

A Fiscalía de Ourense está a interrogar traballadoras e traballadores, tanto o persoal fixo como as contratadas durante os meses de marzo e abril, como parte dunha investigación sobre o que aconteceu na Residencia San Carlos de Celanova durante o brote de coronavirus no que foron infectadas 65 persoas, entre traballadoras e residentes, e do que resultaron 11 mortes (nove delas a causa da covid19).

Así o manifesta o BNG de Celanova, que afirma que a Fiscalía completou a toma de declaración do persoal que actualmente está traballando no centro e están pendentes as declaracións de traballadoras de baixa ou que foron contratadas eventualmente durante a pandemia. Os interrogatorios son telemáticos e as traballadoras declaran desde o propio centro de traballo.

Os nacionalistas lembran que a actuación da Fiscalía de Ourense responde a unha demanda presentada o pasado 13 de abril en Cangas do Morrazo por Xosé Bernárdez, membro de Vellez Digna, colectivo que se integra na Federación Galega de Usuarios e Familiares de Residencias (REDE) contra “os propietarios, xestores e directivos” de 42 centros de maiores do país, entre eles, 13 da provincia de Ourense. A Fiscalía Superior de Galiza decidiu derivar a investigación a cada unha das fiscalías territoriais.

O demandante advirte da vulneración, ao seu xuízo, dos artigos 195, 196, 229, 142, 142 bis, 147 e 152 do Código Penal, e sinala que nalgún casos, os falecementos na residencias (dadas) “as neglixencias cometidas de forma masiva e reiterada nas residencias (...) poderían deixar de ser consideradas mortes por imprudencia ou neglixencia e pasar a ser directamente homicidios”.