A Fiscalía ve “indicios de delito” na morte dunha muller nos corredores de Urxencias do Hospital de Santiago

En febrero de 2017 unha muller falecía nos corredores do servizo de Urxencias do Hospital de Santiago mentres esperaba a ser atendida. Uns feitos que o sindicato médico CESM-Omega denunciou perante a Fiscalía, que agora vén de remitir  a un xulgado de Santiago unha denuncia ao considerar que "hai indicios de delito" nesa morte. Unha nova que a representante deste sindicato nese complexo hospitalario, Fátima Nercellas, adiantaba na Radio Galega e da que se veñen de facer eco diversas axencias de noticias.

 

Así, e segundo confirmaron a Europa Press fontes da Fiscalía, após unha denuncia recibida pola morte dunha doente á que "tardaron un tempo en atender" e faleceu cando a foron a asistir, o Ministerio Fiscal analizou os feitos e falou con testemuñas, após o que decidiu formular denuncia nun xulgado. As mesmas fontes indicaron que agora será o xulgado correspondente o que "determinará se houbo neglixencia ou deficiencia na atención" da persona falecida en Urxencias.

 

Este foi o terceiro falecemento denunciado nuns corredores de Urxencias do CHUS nos últimos anos.