A Fiscalía denuncia o Sergas por non facilitar medicamentos a doentes de Hepatite C

O Ministerio Público actuou após investigar os casos denunciados polo colectivo Batas Brancas en marzo.

 

Con data do 29 de decembro a Fiscalía de Compostela denunciou o Sergas perante o "xulgado de garda" por presunta responsabilidade penal dos seus responsábeis na xestión dos fármacos contra a Hepatite C. 

No concreto, a denuncia débese a que o Sergas non tería facilitado estes medicamentos a determinados doentes polo que causaron a morte de cando menos tres persoas. 

Os feitos foran denunciados no mes de marzo polo colectivo médico Batas Brancas e, a partir desa demanda, a Fiscalía iniciou un proceso de investigación. 

Segundo Batas Brancas, do acontecido "pode deducirse claramente a existencia dunha infracción penal" pois a subcomisión que debía autorizar a prescrición destes fármacos e que, naquela altura, estaba presidida polo actuar xerente do CHUVI, Félix Rubial, non autorizou o uso dos novos tratamentos solicitados por especialistas, de acordo co protocolo aprobado polo Ministerio de Sanidade. 

Algunhas das persoas solicitantes, como unha doente da Coruña, morreron mentres agardaban pola autorización. O Sergas deberá agora explicar que criterior rexían a aprobación ou denegación dos tratamentos para derimir que grao de responsabilidade ten a Xunta no falecemento destas persoas.