Fiscalía da Audiencia Nacional pide prisión para os rapeiros do colectivo ‘La Insurgencia’

Solicita dous anos de cárcere para cada un dos 12 integrantes do colectivo musical, que denuncia “represión” e “falla de liberdade”.

A Fiscalía da Audiencia Nacional pide 2 anos de cárcere para cada un dos 12 integrantes do colectivo de rap ‘La Insurgencia’ por entender que as letras das súas cancións “ensalzan organizacións terroristas”, segundo recollen axencias de noticias. O colectivo, que conta cun décimo terceiro membro menor de idade, trata nas súas letras diferentes temáticas, desde a represión até as inxustizas do capitalismo, pasando polas críticas a diferentes partidos políticos.

Os integrantes deste colectivo foron citados en novembro pasado na Audiencia Nacional pola maxistrada Carmen Lamela, mais naquela ocasión acolléronse ao seu dereito a non declarar. A finais do ano pasado as forzas de seguridade desenvolveron un operativo contra este colectivo por supostos delitos de asociación ilícita e contra as institucións do estado entre outros.

Naquela altura, desde La Insurgencia denunciábase que o seu era un novo caso de “represión contra artistas” e que amosaba que no estado español podíase acabar na cárcere “por facer cancións denunciando as inxustizas que se cometen neste país”.