Fiscalia da Audiencia Nacional anuncia un recurso contra a absolución dos 12 independentistas galegos

A decisión agora está en mans do Tribunal  Supremo

A Fiscalia da Audiencia Nacional anuncia interposición dun recurso contra a sentencia absolutoria dos 12 independentistas galegos, segundo veñen de informar desde o propio colectivo de procesados. Isto supón que a decisión fica agora en mans do Tribunal Supremo.

A Audiencia Nacional absolveu a finais de decembro os 12 independentistas encausados na ‘Operación Jaro’ e para os que a Fiscalía pedía máis de 100 anos de prisión. En principio, poñíase así fin a un proceso que se alongou máis de 5 anos e no que mesmo pairou a ilegalización de Causa Galiza e Ceivar. Mais a decisión da Fiscalía pode dar a volta ás tornas.

Un total de 102 anos de prisión para as 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar imputadas a raíz da Operación Jaro I e Operación Jaro II era a petición da Fiscalía que lles imputaba agora “pertença a organizaçom criminosa para a comissom de delitos de enaltecimento do terrorismo". As penas oscilaan entre os 4 e 12 anos de cárcere.

En conversa con Nós Diario após esa sentenza, Joam Peres, portavoz dos encausados na ‘Operación Jaro’, “vén confirmarse a tese que mantiñamos desde o principio de todo isto, hai xa 5 anos: que era una montaxe político-policial” co independentismo galego no punto de mira. “Este proceso, que se alargou durante todos estes anos para causar o maior dano posíbel, era un esperpento”, prosegue Joam Peres.

“A precipitación por recortar os dereitos políticos do independentismo derivou finalmente en que o independentismo tivo, por dicilo así, un ‘espaldarazo’ xudicial”, indica Brais González, que fai fincapé en que esa “lexitimidade e amplitude” coa que as forzas de seguridade perseguían até o de agora o independentismo vén de recibir unha especie de ‘correctivo’.