A Fiscalía constata unha repunta da criminalidade após o descenso durante a pandemia

A Fiscalía fai fincapé na necesidade de loitar contra os delitos contra a muller, a corrupción, menores e ciberdelincuencia. (Foto: Nós Diario)
O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, entrega no Parlamento a Memoria Anual do organismo, referido a 2021.

A Fiscalía galega aprecia unha repunta do índice de criminalidade após a caída rexistrada como consecuencia da pandemia da Covid-19, especialmente nos delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

Así o destacou esta segunda feira o fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, quen fixo entrega da Memoria Anual de 2021 da Fiscalía galega ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices.

O documento, que será presentado ante os grupos políticos o próximo 10 de novembro no marco da Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, reflicte un aumento da taxa de criminalidade no último ano.

Isto, a xuízo do propio Suanzes, débese á recuperación da normalidade despois de meses de medidas restritivas motivadas pola crise sanitaria.

Con todo, o máximo responsábel do Ministerio Público emprazou á súa comparecencia na Cámara, prevista para dentro dun mes, para detallar o contido da memoria deste ano e que servirá, aliás, para analizar as prioridades de actuación, que seguirán centradas na loita contra os delitos contra a muller, a corrupción, menores e ciberdelincuencia.

Ao mesmo tempo, Suanzes anunciou a organización a vindeira segunda feira, día 24, dun acto de conmemoración do 40 aniversario do Estatuto do Ministerio Fiscal, que decorrerá no Pazo de Mariñán (Bergondo) con presenza do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz.