A Fiscalía arquiva as dilixencias sobre a residencia de Salvaterra, que acumula denuncias por deficiencias

Edificio da residencia de Salvaterra de Miño. (Foto: Nós Diario)
A Fiscalía arquivou as dilixencias sobre as condicións da residencia de maiores de Salvaterra de Miño ao "non poder acreditar o incumprimento grave da normativa administrativa", pese ás reiteradas denuncias de sindicatos e persoal sobre a falta de medios e a situación “insalubre”.

Segundo fontes do Ministerio Público incoáronse unhas dilixencias penais que foron arquivadas o pasado 11 de decembro sobre a Residencia Xeriátrica de Salvaterra debido a que, tras practicar unha investigación, non foi posíbel comprobar os incumprimentos denunciados sobre deficiencias e malas condicións.

A este respecto, sinálase que se efectuou unha inspección tras a denuncia presentada respecto das condicións do centro "sen que nada" se puidese acreditar, "non apreciando nin falta de coidado e atención cara aos residentes nin situación de abandono". Así mesmo, lembraron que nas actas de inspección do Goberno galego correspondentes a 2019 e 2020 non se reflicten os feitos denunciados.

A Fiscalía da área de Vigo tamén asegurou que recibiu "puntuais informes diarios" da residencia e a Xunta durante a primeira onda da pandemia, entre marzo e xuño, e puido coñecer "as medidas adoptadas, os medios solicitados á Consellaría de Sanidade e as intervencións concretas da mesma"

O pasado mes de novembro, Traballadoras de Residencias de Galicia (Trega) denunciou ante a Inspección da Consellaría de Política Social que as instalacións de Salvaterra non reunían "as mínimas condicións" de salubridade e o seu "total abandono".

Precisamente, nese momento, ese centro, que conta con varias prazas concertadas pola Xunta, atopábase intervido pola Administración galega debido ao elevado número de casos de Covid-19 detectado entre as e os seus usuarios.

Tamén persoal do Sergas e da Xunta da Galiza desprazado á residencia de maiores de Salvaterra do Miño cando esta foi intervida pola Administración galega denunciaban o pasado mes de novembro unha "situación de alto risco físico e psicolóxico" tanto para os pacientes como para o colectivo profesional responsábel dos coidados. A carencia de material, o déficit de hixiene, a falta de organización e a sobrecarga de traballo impídenlles facer o seu traballo correctamente, dicían, polo que chamaron a Administración a facer autocrítica e a tomar "as medidas oportunas". 

A Defensora do Paciente instou a Fiscalía Superior da Galiza a efectuar unha "inmediata actuación e intervención" e pediu que tivese "empatía e sensibilidade" cos maiores. Tras iso, o fiscal superior da comunidade remitiu o caso á Fiscalía da zona de Vigo ao entender que se trataba do seu ámbito de competencia.

A denuncia foi presentada despois de que medios como Nós Diario denunciasen a situación na residencia. 

Aliás, a Confederación Intersindical Galega (CIG) “leva desde o ano 2017 denunciando a situación de sobrecarga de traballo e de atención deficiente nesta residencia, “sen que nin a Inspección de Traballo nin a inspección de maiores da Xunta tivesen actuado”, sinalaba o sindicato.