A Fiscalía abre unha investigación por danos ambientais en Estaca de Bares

A denuncia inclúe actuacións para a celebración dunha etapa da Volta Ciclista a España en 2018.
A Fiscalía vén de abrir dilixencias para determinar se existen indicios de delito en varias actuacións desenvolvidas na Zona de Especial Conservación de Estaca de Bares (Mañón) para, no seu caso, trasladalas ao xulgado. A investigación parte da denuncia da Sociedade Galega de Historia Natural, que alerta da "desfeita" que tivo lugar nesta zona, derivada das accións de acondicionamento "para promover e facilitar as visitas turísticas", das que culpa as Administracións.

Segundo esta fonte, o Ministerio Público centrará as súas pescudas en catro feitos, como son, por unha banda, a roza mecanizada de 30.000 metros cadrados de hábitats de interese comunitario, a construción dun miradoiro-aparcadoiro secundario na estrada local que conecta a vila de Bares co faro, as accións levadas a cabo na antiga base militar da estación de sistema de radionavegación e no humidal adxacente e, por último, a degradación de hábitats de interese comunitario pola realización do final da XII etapa da Volta Ciclista a España, entre Mondoñedo e Estaca de Bares, en setembro de 2018.

Sobre esta última cuestión, a entidade denunciante advirte que as intervencións realizadas "afectaron negativamente ao estado de conservación dos hábitats en distintas áreas da Zona de Especial Conservación e incluíron emprego ilegal de megafonía". Estes feitos xa foran denunciados aquel ano diante da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Sete hábitats de interese comunitario

En canto aos traballos de roza,  a Sociedade Galega de Historia Natural tamén presentara xa denuncia na Xunta no ano 2017, por entender que a intervención afectou aos cantís con vexetación das costas atlántica e báltica. Como pon de relevo a entidade, este espazo natural reúne sete hábitats de intereses comunitarios–nos que se inclúen os cantís,  ríos,  breixeiras sexas europeas, ou  prados con molinias sobre substratos calcárreos e outros tantos prados húmidos mediterráneos– e dous hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea. 

A denunciante puxera en coñecemento da Fiscalía a "defeita turística" realizada, por considerar que a Consellaría de Medio Ambiente autorizou algunhas destas intervencións malia ser "completamente contrario ao Plan Director da Rede Natural 2000 da Galiza", e ao concluír que estas ocasionaron "graves danos aos valores ambientais". Indicaba tamén que o proxecto non fora sometido a avaliación de impacto ambiental "malia afectar á zona de máxima protección (zona 1 de conservación)".

Na súa denuncia, a entidade tamén apuntaba a distintos "incumprimentos" das entidades promotoras na execución das obras respecto da autorización concedida pola Xunta, ao deixar sobre o terreo todos os refugallos procedentes da demolición da antiga instalación de sinais acústicos en Estaca de Bares, construír un vial de terra que non figuraba no proxecto, executar un segundo aparcadoiro-mirador que tampouco figuraba no proxecto e realizar traballos alleos ao proxecto na antiga base militar.

Da mesma maneira, a entidade advertía que a carencia dun plan de control de especies exóticas invasoras, "non contemplado no proxecto nin exixido pola consellaría", está a favorecer a expansión dalgunhas destas plantas.