Xustiza

A Fiscalía abre expediente contra Xunta e Sogarisa por episodios de contaminación nas Somozas

(Foto: Adega)
Sogarisa, antiga entidade pública actualmente participada pola Xunta en 10%, xestiona xunto cunha UTE (PMA-Conteco) o Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galiza (CTRIG).

A finais de 2023 Adega trasladou á Fiscalía delegada de medio ambiente do Tribunal Superor de Xustiza da Galiza (TSXG)  unha denuncia polas emanacións tóxicas da empresa UTE PMA-Conteco (a antiga Sogarisa) no polígono das Somozas. Aliás, a organización ambientalista denunciaba “o obstrucionismo e escurantismo da Xunta ao negarse a facilitar información analítica sobre as nubes tóxicas procedentes das instalacións desta empresa”.

No polígono industrial das Somozas ten as súas instalacións Sogarisa, antiga entidade pública actualmente participada pola Xunta en 10%. Desde 2017 xestiona xunto cunha UTE (PMA-Conteco) o Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galiza (CTRIG).

“Este centro procesa unha media de máis de 150.000 toneladas anuais de distintos tipos de residuos industriais, moitos deles tóxicos e perigosos: salgues metálicas, baños alcalinos, residuos acedos, crómicos, nítricos e cianurados, así como augas industriais, lixiviados de entulleiras, residuos líquidos orgánicos, residuos sólidos, pilas, baterías e fluorescentes”.

No verán de 2022, indica Adega. Sogarisa foi noticia debido á contaminación provocada nos labores de inertización dos refugallos perigosos con CaO (óxido de calcio ou cal viva), “o que provocou a emisión de nubes de vapor con compostos en suspensión que se estenderon polos arredores afectando a outras empresas do polígomo e e fincas veciñas. Malia a que segundo a Xunta a empresa tomou medidas para evitar novas fugas de nubes tóxicas, hai uns días voltaron a repetirse”.

Adega solicitou á Xunta coñecer os resultados dos controis realizados en aplicación do plan de vixilancia ambiental aprobado na Autorización Ambiental Integrada de Sogarisa mais a Administración denegou o acceso a esta información.

En consecuencia, Adega denunciou na Fiscalía “as irregularidades na actividade empresa relacionadas coa contaminación provocada polas nubes de CaO e a negativa de la Xunta a subministrar los datos analíticos de control da actividade”.

O Ministerio Público considerou que os feitos denunciados poden constituír indiciariamente un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente (art. 325 e seguintes do Código Penal) por parte da empresa e outro de prevaricación administrativa (art. 404 dol CP) por parte da Xunta, sempre segundo o comunicado de Adega.

Adega agarda “que a actuación da Fiscalía contribúa a rematar cos continuos episodios de contaminación neste polo de residuos industriais que poñen en risco a saúde ambiental e cidadá. Asemade, urxe depurar as responsabilidades dos cargos da Xunta cuxa inacción e permisividade convertíu As Somozas no "buraco negro" da xestión dos refugallos industriais en Galiza”.