Fiscalía abre dilixencias por posíbel delito ambiental no vertedoiro de Miramontes, en Santiago

Imaxe vertedoiro de Miramontes (Santiago) Cedida

A Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes informa que a Fiscalía de Medio Ambiente ven de comunicarlles a apertura de dilixencias de investigación penal por un posíbel delito ambiental (tipificado no artigo 325 e seguintes do Código Penal) na xestión do vertedoiro.

 

A Fiscalía dá este paso a raíz da denuncia presentada pola Plataforma por “incumprimentos moi graves” da autorización ambiental integrada do vertedoiro de residuos  non perigosos na canteira de Miramontes. A partir dos argumentos proporcionados pola Plataforma fundamentados nas actas de inspección da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e, no  proxecto construtivo do vertedoiro e noutra documentación aportada pola propia empresa á Xunta, a Fiscalía considera que os feitos descritos “poden ser indiciarios dun delito contra o medio ambiente no seu aspecto comisivo ou omisivo, e á vista do aportado estima imprescindible para a súa investigación a práctica dunha serie de dilixencias”.

 

Nos feitos enuméranse unha serie de incumprimentos recollidos nas actas de inspección: presenza de residuos prohibidos no vertedoiro, presenza de residuos líquidos, falta de control visual antes da descarga dos camións, deficiente xestión no rexeite de residuos, non hai recollida nin separación de fraccións de residuos valorizables, entrada de residuos con maior carga orgánica á permitida legalmente... Pero o máis salientable é, indica a Plataforma,  que, “segundo se desprende da documentación, a porcentaxe da materia orgánica que estivo entrando no vertedoiro (de residuos industriais non perigosos e non biodegradables) é moi superior ao límite de 10% considerado no seu proxecto construtivo, “incumprindo coa Autorización Ambiental Integrada e poñendo en perigo a seguridade construtiva do vertedoiro”.

 

Na resolución a Fiscalía sinala que “ademais da empresa responsábel, corresponde ás administracións públicas o control das actividades potencialmente contaminantes ou perigosas, polo que é preciso coñecer o estado dos expedientes, sancionadores, de reposición da legalidade, plans de actuación, ou calquera outro que a autoridade ambiental incoara ou realizara en relación ás actas de inspección ou ao programa de vixilancia ambiental”.

 

De acordo a isto, prosegue a Plataforma, a Fiscalía solicita á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a información sobre as medidas adoptadas, ao Concello de Santiago de Compostela  a información sobre as posibles queixas e denuncias polos cheiros, tráfico... e sobre as actuacións da Policía Local respecto ao vertedoiro e dos bombeiros en relación aos incendios rexistrados neste e, incluso, pide informes á Comandancia de Santiago da Garda Civil sobre as incidencias e denuncias e as medidas encamiñadas a restaurar a seguridade da zona e o tráfico, con relación ao tránsito de camións ao vertedoiro.  “Lembramos que os camións que se dirixen ao vertedoiro circulan de forma irregular por un vía rural limitada a 5,5 toneladas”