Xustiza

Fiscalía pide 14 anos de prisión para o mozo de Nerea Añel por homicidio por omisión

Sede da Audiencia Provincial de Ourense, onde un xurado popular determinará a culpabilidade do acusado. (Foto: Google)
O corpo da muller foi localizado en Barbadás tras oito meses desaparecida, ocultado polo mozo tras as graves lesións que sufrira ela cando ambos os dous fuxían coa certeza de que os perseguía a Garda Civil por un delito de furto.

O Ministerio Fiscal considera o noivo da moza ourensá Nerea Añel, cuxo cadáver foi localizado en Barbadás (comarca de Ourense) tras oito meses desaparecida, culpábel dun delito de homicidio por omisión e pide para el 14 anos de prisión. Así o reflicte o escrito de acusación fiscal en relación a este caso, que, a falta aínda de que decorra a audiencia preliminar, deberá xulgar un xurado popular na Audiencia de Ourense.

A moza Nerea Añel, de 26 anos, desapareceu no mes de xaneiro de 2020. A súa familia viuna por última vez na noite de Reis. As batidas para tratar de localizala, que se centraron nas inmediacións dun motel en Barbadás onde fora vista en compaña da súa parella, foron infrutuosas e non foi até setembro dese ano cando uns excursionistas atoparon os seus restos nunha zona boscosa próxima onde fora situada por última vez. A autopsia revelou que sufrira unha morte violenta.

O escrito de acusación de Fiscalía sitúa os feitos no 15 de xaneiro de 2020, cando a vítima e a súa parella, acusado do homicidio, efectuaron o rexistro nun motel de Barbadás. Ao longo da tarde dese día realizaron varias viaxes en taxi, algunha delas para acudir a un punto de venda de droga e, segundo recolle o escrito, subtraeron supostamente a carteira a un dos taxistas.

Contra as 20.40 horas, tras pedir os servizos doutro taxi, unha empregada do hotel informoulles de que este non acudiría "ao ser alertado dun previo furto efectuado pola parella a outro taxista esa mesma tarde". "Na crenza de que se avisou tamén pola responsábel do estabelecemento á Garda Civil, [ambos os dous] fuxiron á carreira a través do carreiro que bordea o motel, paralelo á estrada e á beira esquerda do regato Barbañica", sinala o auto.

O mozo de Nerea non só non solicitou axuda, senón que decidiu ocultar o cadáver

No transcurso desta fuxida, Nerea Añel "sufriu unha caída que lle produciu un grave traumatismo cranio-vertebral, con lesións que lle ocasionaron un estado de inconsciencia de tempo non estimado e que finalmente determinaron a súa morte", considera o fiscal, que estima que "en caso de recibir pronta asistencia médica, podería sobrevivir".

O acusado, "que se achaba presente no momento da caída", non só non solicitou axuda no motel, "situado a uns 200 metros", se non que colleu o corpo da moza e depositouno perto do leito do río nun lugar pouco visíbel coa intención de ocultalo e non ser inculpado. Posteriormente, sobre a 1h da madrugada, regresou ao motel "só e en estado de nerviosismo", e exixiu entrar na habitación, cuestión rexeitada pola empregada. O corpo de Nerea Añel foi localizado no mes de setembro e o home non foi detido até xuño do ano seguinte.