EXIXEN "IGUALDADE" E "XUSTIZA"

O fiscal superior abrirá dilixencias sobre o proceder da Axencia Tributaria cos emigrantes retornados

Manifestación Emigrantes Retornad@s

“Moi satisfeitos”. Así se declaran os representantes da Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados tras a reunión que mantiveron recentemente co Fiscal Superior de Xustiza de Galiza, que se comprometeu a abrir dilixencias informativas sobre a actuación da Axencia Tributaria cos afectados.

A Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados vén de manter unha reunión, a instancias do propio colectivo, co Fiscal Superior de Xustiza de Galiza, Fernando Suances, a quen lle solicitaron unha serie de medidas coas que os emigrantes retornados reclaman “xustiza” e “igualdade”. “

En conversa con Sermos Galiza, Xosé Lois Leirós, un dos portavoces da coordinadora, fai un balance “moi positivo” do encontro co fiscal e salienta que foi “un día para lembrar”, pois viron recoñecida a intensa loita que desenvolveron estes dous últimos anos. O representante dos emigrantes explícanos que o fiscal “comprometeuse a abrir dilixencias informativas sobre a actuación da Axencia Tributaria cos emigrantes retornados, de maneira que creará unha comisión presidida por el mesmo que investigará o proceder da Axencia Tributaria”. Precisamente, esta era unha das cinco demandas que lle trasladou a coordinadora ao fiscal.

Xosé Lois Leirós explícanos que a comisión que se reunión co fiscal tamén lle solicitou “instar a Axencia Tributaria a anular o carácter retroactivo da regularización, xa que nunca tivemos ánimo de defraudar nin mala fe, e así o admitiu o propio Goberno central”. “Nunca tivemos ánimo de ocultar uns cartos que entran no Estado español todos os meses e que están axudando moitas familias sen outros ingresos a sobrevivir”, engade.

A terceira medida solicitada pola coordinadora foi a valoración da Fiscalía sobre “as trabas que nos pon a Axencia Tributaria á hora de valorar as incapacidades laborais, sobre todo as permanentes”. “Todas estas incapacidades foron recoñecidas pola propia seguridade social dos países estranxeiros e por iso reclamamos que se recollan tal cal veñen recoñecidas”, afirma Xosé Lois Leirós.

A coordinadora exixe o cumprimento das sentenzas do TSXG sobre o acordo bilateral hispano-alemán

O portavoz da coordinadora pon de manifesto que tamén lle demandaron ao fiscal que valore a situación da propia Fiscalía sobre o incumprimento da Axencia Tributaria en aplicación do acordo bilateral hispano-alemán de 1966, dadas as numerosas sentenzas do TSXG que condenan a Facenda a devolverlles aos emigrantes que viviron en Alemaña todos os cartos até o 2013.

Como quinto punto, a coordinadora solicitou a reforma da Lei 26/2014, de 27 de novembro, pola que se modifica a Lei 35/2006 do IRPF. “Esta é a clave do problema, xa que se trata dun axuste que só beneficia a quen máis ten en detrimento dos que menos ingresamos”, sinala Xosé Lois Leirós, quen revela que “perto do 70% dos emigrantes retornados cobramos menos de mil euros de pensións, unhas pensións que manteñen moitísimas familias”.

O portavoz da Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados salienta que continuarán a batalla até que se faga xustiza.