O fiscal intenta un rescate político ao opoñerse á imputación dos ex-directivos de ADIF

Angrois

Antonio Roma teima na teoría oficial de que o único responsábel da traxedia de Angrois foi o maquinista, como lle interese a PP e PSOE, e recorre a imputación dos que foron cargos de ADIF e non colocaron na rede ferroviaria galega os sistemas de seguridade que si instalaron noutros lugares.

O fiscal Antonio Roma recorreu a decisión de imputar a once antigos cargos de Adif da época de José Blanco, agora candidato do PSOE, que tomou o xuíz Luis Aláez, que instrúe a causa polo accidente do Alvia en Angrois que ocasionou 79 mortes e centos de ferid@s. Estes ex-directivos están citados para declarar a partir da vindeira semana, en plena campaña electoral.

Nun escrito remitido este venres, Antonio Roma recorre esta decisión do maxistrado por “considerar que non existen elementos na causa para imputar a persoas concretas as infraccións criminais indicadas na resolución”.

A imputacións destes antigos cargos de designación política debéronse ás conclusións derivadas dos catro informes periciais preliminares recibidos polo maxistrado. Roma analiza os devanditos argumentos e, en concreto, rexeita unha conclusión común de dous  peritos, a relativa a que se estivese instalado o sistema de seguridade ERTMS até a a estación de Santiago, como estabelecía o proxecto de obra orixinal, o sinistro non se produciría. Ese sistema freaba o tren de forma automática ante situacións de risco.