Análise

'Firmitas, utilitas, venustas'

O país está cheo de hórreos abandonados, moitos xa en ruínas, colapsados total ou parcialmente. (Ilustración: Álex Rozados)
Nova análise para 'Nós Diario' do arquitecto urbanista Iago Lestegás Tizón.

Entre 1964 e 1965, o Museo de Arte Moderna de Nova York acolleu a exposición Arquitectura sen arquitectos, organizada por Bernard Rudofsky para celebrar a serena beleza das construcións vernáculas do mundo. A colección de exemplos de arquitecturas anónimas de cinco continentes incluía varios hórreos galegos e mais o conxunto de espigueiros de Lindoso, na banda portuguesa do Xurés. Nas sociedades onde o alimento ten unha aura sagrada, dicía Rudofsky, os celeiros son de fasquía solemne e están construídos para a eternidade.

Aínda que o termo hórreo —do latín horreum— sexa o máis estendido, Begoña Bas identificou case unha trintena de nomes nos anos oitenta: horro nas serras orientais, cabozo na costa cantábrica, cabás en Bergantiños, cabazo en Fisterra, cabaceira en Muros, canastro en boa parte do sur galego e un longo etcétera. Unha miniatura da lámina 203 das Cantigas de Santa María, escritas por Afonso X o Sabio no século XIII, é o primeiro testemuño gráfico do hórreo, pero a súa difusión pola maior parte do territorio galego estivo ligada á implantación do millo americano no século XVII.

Os hórreos son construcións de gran calidade plástica e solidez estrutural cuxa forma responde con perfección á función para a que foron creados

Elevados sobre pés ou cepas que illan a cámara da humidade do terreo, protexidos dos roedores por tornarratos horizontais, pechados verticalmente con costais permeables ao vento e coroados por lampións de formas variadas, os hórreos son construcións de gran calidade plástica e solidez estrutural cuxa forma responde con perfección á función para a que foron creados. Trátase dunha excelente materialización dos tres fundamentos da Arquitectura definidos por Vitruvio hai máis de dous mil anos: firmitas, utilitas, venustas (solidez, utilidade, beleza). Unha verdadeira arquitectura sen arquitectos.

Á variedade de nomes súmase unha enorme diversidade tipolóxica: entre os altos cabozos con lousado a catro augas coroado de picos da antiga provincia de Mondoñedo, os pequenos canastros de madeira con tellado a dúas augas do sur, os grandes horros de planta cadrada e teito de colmo das serras orientais e as cabaceiras de cantaría de granito da costa occidental hai moitas variedades. Os hórreos sitúanse en lugares ben expostos aos ventos dominantes para delourar o gran e adoitan estar a carón da casa, aínda que ás veces están agrupados en grandes eiras como as que existen en moitos concellos ourensáns, nas serras do Candán e do Suído ou na comarca de Muros.

A precaria situación actual

En 1973, o ditador Francisco Franco asinou un decreto que colocaba baixo a protección do Estado os hórreos galegos e asturianos de polo menos un século de antigüidade e prohibía toda intervención que alterase o seu carácter ou ameazase a súa integridade e estabilidade, encomendando o seu coidado aos municipios correspondentes. A Lei do Patrimonio Cultural de Galiza vixente dende 2016 declara bens de interese cultural (BIC) todos os hórreos, cruceiros e petos de ánimas "dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901", sen necesidade da tramitación do procedemento de declaración previsto para os demais bens.

Ademais, establece que as intervencións de conservación ou restauración sobre eles deberán realizarse "preferentemente utilizando os materiais e técnicas construtivas tradicionais que correspondan a cada tipoloxía" e que calquera outra actuación deberá ser autorizada pola Consellaría competente en materia de patrimonio. Ademais, os hórreos están incorporados aos catálogos do plan urbanístico municipal.

A precaria situación da máis simbólica das construcións adxectivas galegas demostra que a lexislación é condición necesaria pero non suficiente para a conservación do patrimonio popular

O artigo 32 da Lei do Patrimonio Cultural establece que as persoas titulares de bens protexidos "están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración". Non obstante, o país está cheo de hórreos abandonados, moitos xa en ruínas, colapsados total ou parcialmente. A precaria situación da máis simbólica das construcións adxectivas galegas demostra que a lexislación é condición necesaria pero non suficiente para a conservación do patrimonio popular, pois aquilo que perde a súa función, esmorece.

Dende mediados do século pasado, a desintegración da economía secular agraria, o despoboamento de boa parte do territorio, a incorporación drástica de materiais e técnicas construtivas descoñecidas e a adopción de novos valores e referencias culturais provocaron alteracións profundas na fisionomía do país e causaron danos irreparables no patrimonio etnográfico galego. Aos poderes públicos e á sociedade civil corresponde reparar as desfeitas que aínda teñan solución.