OS NOMES DE NUNCA MáIS

Fins Eirexas: “Se pasase outra vez a cidadanía respondería”

Fins Eirexas
Sermos Galiza abre, con Fins Eirexas, unha microsección --Os nomes de 'Nunca Máis'-- coa que se pretende devolver a voz ás e aos principais protagonistas do "Nunca Máis" cando se veñen de cumprir dez anos da catástrofe do Prestige e mañá se iniciará o xuízo polo mesmo. O actual secretario executivo de ADEGA formaba parte da directiva nacional da organización ecoloxista e coordinou o dispositivo de voluntariado na comarca do Barbanza, un dos lugares ao que chegou a segunda marea negra despois de impactar na zona cero.

 

Que facía daquela cando tivo lugar a catástrofe?

Traballaba como investigador no Consello da Cultura Galega facendo un informe para a sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade sobre a representatividade da Ciencia nos medios de comunicación. Eses medios de comunicación xogaron un papel importante na difusión da catástrofe ou, no caso dalgúns medios, da manipulación descarada da “non marea negra”.

Como soubo do afundimento do 'Prestige'?

Lembro de estar coa equipa de traballo revisando prensa e a nosa coordinadora díxonos: “hai que parar e dedicarlle todo o tempo ao 'Prestige'. Con respecto ao compromiso ecoloxista, inmediatamente soubemos polas informacións que tiñamos dos institutos de investigación de Portugal e Francia que a situación era alarmante en contraste coa información das institucións. En ADEGA organizouse unha especie de comité de crise para comezar accións de parar a marea negra.

Dez anos despois que repercusión pensa que tivo a resposta social?

Pasou todo tan rápido e foi todo tan intenso que no meu caso, tamén no de moitos compañeiros e compañeiras, aínda non avaliamos a repercusión que tivo no que respecta á sociedade galega. Eu entendo que a mudanza é real en canto a unha actitude e un feito ecoloxista. Foi algo que puxo as reivindicacións ecoloxistas como unha das primeiras prioridades. Pasou moi poucas veces ao longo da nosa historia Co 'Nunca Máis' foi onde máis se viu a cidadanía que saíu a rúa cunhas reivindicacións minimamente ecoloxistas.

"Non se vai a xulgar aos principais responsábeis que nós sempre dixemos, tanto en ADEGA como en 'Nunca Máis', que eran políticos"

O tempo transforma todo. Eu teño unha visión quizáis romántica ou un pouco mítica de como nos afectou persoalmente o Prestige, e hoxe teño unha visión de “Déjà Vu”, de pesadelo recorrente que pode volver a acontecer. Non se deron os pasos que se tiñan que dar para impedir outra catástrofe semellante polo escaso compromiso das autoridades. Mais o compromiso da sociedade é forte. Se pasara outra vez a cidadanía respondería.

Que agarda do xuízo que agora se vai celebrar polo afundimento do 'Prestige'?

A verdade que visto os acusados vai ser un xuízo incompleto. Non se vai a xulgar aos principais responsábeis que nós sempre dixemos, tanto en ADEGA como en 'Nunca Máis', que eran políticos. Hoxe están na presidencia da Xunta, na presidencia do Estado, na xefatura da Garda Civil, no Ministerio de Agricultura... seguen con altas responsabilidades e están exentos. Non estarán a excepción do ex-director da Mariña Mercante López Sors que será a personificación da incompetencia na que incorreron eses outros que seguen igual.