SECRETARIO XERAL DE ADEGA

Fins Eirexas: “O acordo sobre o clima só é un conxunto de desexos”

Fins Eirexas

O pasado sábado, 12 de decembro, 195 países asinaron un acordo polo cal se comprometen a que non suba a temperatura alén de 2ºC a finais do século. Falamos con Fins Eirexas, secretario xeral de Adega, para que nos explique os pormenores do acordado.

En primeiro lugar, o secretario xeral de Adega sinala que o acordo da COP21 é positivo na medida en que “se asume que hai un problema, o cambio climático, que precisa unha solución”. “Son 195 países os que recoñecen ese problema serio e os que asumen que hai que adoptar medidas”, apunta, mais pregúntase, “son suficientes as medidas para facer fronte de xeito real o problema e que permitan cumprir ese obxectivo de limitar a 2ºC a temperatura global? Non. O obxectivo está moi ben, mais non existen mecanismos que nos permitan pensar que se vai cumprir”.

Neste sentido, Fins Eirexas sinala que o acordo “lonxe de ser unha serie de compromisos, só é un conxunto de desexos e non é vinculante”. As contribucións nacionais, que é o que nos interesaba, non son vinculantes. O que é vinculante é o obxectivo global, é dicir, conseguir que a suba da temperatura non vaia alén dos 2ºC. Critica que non se determinase “un compromiso dos países para acadar a meta”. Alerta de que sería “catastrófica” un aumento de 3ºC, unha posibilidade, di, á que nos encamiña a situación actual.

“O ideal sería que os países se puxesen as pilas e que se estabelecese canto lle toca reducir a Rusia, canto á China… Ninguén asumiu isto e ninguén quixo mollarse”

“O ideal sería que os países se puxesen as pilas e que se estabelecese canto lle toca reducir a Rusia, canto á China… Porén, ninguén asumiu isto e ninguén quixo mollarse”, afirma. Pola contra, o acordo implica que aínda será en 2018 cando os países acorden a clasificación de cada Estado en función de se é industrializado ou en vías de desenvolvemento e non será até o 2020 cando se estabeleza que obrigas ten cadaquén.

Que reivindicaban os colectivos ecoloxistas?

“O que queríamos a meirande parte dos colectivos ecoloxistas era un compromiso global e por países de redución do efecto invernadoiro: os obxectivos de redución de emisións, a implantación de enerxías renovábeis e a mellora da eficiencia enerxética, acadando un 40%, 30% e 30%, respectivamente, para 2020, tendo como ano base de referencia o 1990. E que se acordou? Pois que xa se verá en 2020 en función do que se determine en 2018”, salienta. “Queriamos compromisos por países temporalizados e cuantificados, porque está aí o cerne do problema. O xa veremos en 2020 é unha tomadura de pelo”, engade.

“O acordo é cosmético e non compromete a nada”

Fins Eirexas pon de manifesto que “hai xa anos” que se debería actuar no camiño marcado pola COP21 para non acadar os 2ºC de suba da temperatura. De aí que pense que o acordo “é cosmético” e que advirta de que “non compromete a nada”. No que respecta ao financiamento, sinala que se trata “máis do mesmo”: “só se fala dunha cifra: o investimento de 100.000 millóns de dólares todos os anos, mais outra vez adíase a 2020 canto lle toca poñer a cadaquén”.

O responsábel de Adega bota en falta que o acordo de París non se comprometa coa descarbonización da economía e de abandonar os combustíbeis fósiles. “Como non se abordou esta cuestión, considero o acordo un fracaso”, subliña, “só se falou do balanzo cero neto de CO2, é dicir, que non se emita máis do que se captura a partir de 2050, mais isto non significa que se vaia deixar de emitir”. Na mesma liña, bota en falta un mecanismo que acabe co mercado e coa especulación do carbono. “Hai empresas eléctricas que mercan cota de carbono en países latinoamericanos, porque hai excedente, e despois gastan esa cota en Europa porque o rendemento é maior”, denuncia. Tamén critica que non se pensase en abandonar os mecanismos de extracción para a xeración de enerxía máis agresivos contra o medio ambiente, como son o fracking ou as areas bituminosas.

Fins Eirexas lamenta que a COP21 non se comprometera coa descarbonización da economía

En resumo, Fins Eirexas recoñece que “o acordado en París xa tiña que facerse hai 25 anos. A urxencia debería marcar as prioridades actuais e non agardar a 2020 para decidir que se fai”. Advirte de que en 2020 “pode ser xa tarde, porque haberá que facerlle fronte a un gran problema, o dos refuxiados climáticos”. As Nacións Unidas cifran o número de migrantes por causas ecolóxicas en 200 millóns en 2050, a meirande parte destas persoas procederán de países do sur. Ademais, a Organización Internacional para as Migracións alerta desde hai tempo de que está xermolando unha “gran crise humanitaria” debido ao quecemento global do planeta.