POLíTICA DE VIVENDA DA XUNTA

De cada 300 vivendas de protección que se constrúen no Estado só 1 está en Galiza

No rexistro de demandantes de vivendas protexidas había en xaneiro un total de 15.126 persoas. Todo isto nun país en que anualmente perden a súa morada 2.500 familias

 

O que o carro é e representou en Estados Unidos foino e é a casa en Galiza. En ambos os dous casos, moito máis que unha simple propiedade. Un símbolo, un ´status´, un motor económico -outra cousa é que fose un motor máis ou menos gripado-, e un elemento en base ao que se deseñaron e implementaron tantos políticas públicas como estratexias do privado.

Mais chegou a crise batendo con forza. E entre moitas outras consecuencias, foi espindo até deixar núa a política de vivenda destes anos de goberno de Núñez Feijóo. Cando máis facía falla unha política ‘social’ da vivenda, esta minguou e minguou até case desaparecer. Nestes seis anos non se executou un 60% do orzamento que o goberno galego tiña previsto para política de vivenda. En 2007 iniciárase a construción en Galiza de 4.319 vivendas de protección. De xaneiro a setembro de 2014 tan só se comezaran 42, apenas un 0,35% do total do Estado español. É dicer, que de cada 300 vivendas de protección que se están a levantar no Estado tan só 1 está no noso país.

De cada 300 vivendas de protección que se están a levantar no Estado tan só 1 está no noso país. Apenas un 0,3%

Desleixo

Os dados foron ofrecidos esta semana nunha comparecencia parlamentar polo deputado socialista Xosé Bugallo. Debullou a queda: no 2007 empezou en Galiza a construción de 4.319 vivendas protexidas, 1.817 no 2010, 439 no 2013 e 42 entre xaneiro e setembro de 2014. “Co ritmo actual de edificación de vivenda protexida, a lista de espera chega aos 45 anos e nove meses”, dixo. A 26 de xaneiro deste ano, o rexistro de demandantes tiña anotadas 15.126 persoas.

Unhas 2.500 familias perden cada ano a súa vivenda, e 2 de cada 3 destas situacións débense a non poder pagar o aluguer mensual

Para completar a imaxe desta realidade que se vive en Galiza, 2.500 familias perden cada ano a súa vivenda habitual,e 2 de cada 3 destas situacións débense a non poder pagar o aluguer mensual. Mentres, desas 500 vivendas sociais que a Xunta afirma ter para facer fronte a este tipo de situacións, só hai realoxadas neses inmobles 43 persoas”.

Nestes seis anos a Xunta adicou a política de vivenda 278 millóns de euros, cando tiña previstos para ese período máis de 670 millóns. Así pois, deixou sen executar case o 60% do orzamento neste campo.