"Financiamos todo menos a investigación, mais agora solucionan os problemas os científicos"

Paula Rodríguez
Paula Rodríguez Villamayor, graduada en Veterinaria e doutoranda na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, vén de ser galardoada co premio 'Talento Mozo' da Galiza, un recoñecemento á súa xa dilatada traxectoria académica e profesional. A investigadora, experta na pesquisa en coellos, cóntanos como recibiu o premio, revélanos parte da súa investigación e anota as dificultades para investigar desde a Galiza na actualidade

Vén de recibir o premio 'Talento Mozo'. Como se sente?

Emocionada. O premio é un recoñecemento a toda a traxectoria. Había que presentar, ao carón doutros documentos, unha memoria que recollera quen es. Aí, alén da formación académica, centreime en min, no rural de onde veño, nos 12 anos na banda de Barbude, onde fun profesora de gaita para nenos e nenas máis pequenas, tamén de baile tradicional. Para min é un exemplo de superación, de aprendizaxe. O comezo da memoria di "Non sabería onde poñer o punto de inicio á miña carreira investigadora". Son cousas ás que igual non lle damos importancia, mais si forman a túa vida a todos os niveis.

Que a impulsou a presentar a candidatura?

A verdade é que foi miña nai quen me animou a presentarme. Cando o vin, nas bases non había nada que me impedía pedilo e soliciteino. Preparar todo require o seu tempo, mais ao final decidinme, dediqueille moito traballo.

Ademais gañou o galardón na modalidade Rural e non é o primeiro premio que recibe pola súa traxectoria.

Si. Para min é un impulso grande, tamén para o Campus de Lugo, que está moi enfocado ao sector primario, á produción sostíbel, á veterinaria. É unha forma de que se vexa como o rural ten moitas saídas, que ten valor e que hai xente, que se asocia a innovación e tecnoloxía. En novembro de 2019 concedéronme o Premio Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela. Este foi grazas ao meu proxecto de tese, porque nun futuro ten moitas opcións e pode chegar a ser unha empresa. A principios dese ano tamén gañei o NeuroArt, da Sociedade Española de Neurociencia, no cal se premia a representación artística da túa investigación. No Departamento de Anatomía no que traballo fanse cousas moi chulas a verdade. Daquela eu non tiña financiación e o premio foi unha axuda para seguir formándome. Alén dos anteriores, en 3º de carreira gañei un premio para xoves investigadores, a nivel estatal, sobre o estrés en coellos. Este foi un pouco o que me guiou até onde estou hoxe. Logo fixen o Traballo de Fin de Grao en coellos e, a raíz deste TFG experimental, decidín comezar a tese xa centrada na xenética e a reprodución.

E agora en que estás traballando exactamente?

A liña da miña investigación continúa cos coellos e céntrase no sistema vomeronasal. É un órgano pequeno que está no nariz e que recibe as feromonas para logo envialas ao cerebro. Agora coa parte de xenética estudo os xenes que hai nese órgano vomeronasal para saber como se expresan e como o animal vai actuar baixo diferentes condicións.

Como está a investigación no país a día de hoxe?

A investigación non está nada fácil e cando foi a entrega de premios dixémolo. A nós gustaríanos continuar a traballar na Galiza, mais non é posíbel. Quen se dedica a isto sabe que é necesario que sexa financiada polo sistema público e actualmente non se apoia como debería. Financiamos todo menos a investigación e agora quen soluciona os problemas son os científicos, mais tamén hai que pagarlle. A Universidade sufriu moito e nótano máis aínda os grupos pequenos de investigacións, que sobreviven con 300 euros anuais. A carreira investigadora é dura, se baixas un ano despois é complicado volver, tes que estar sempre á altura, con bolsas, publicacións, congresos... Se non tes financiación é tremendamente difícil continuar estes ritmos. É unha anomalía do noso país, noutros lugares isto non ocorre. Estamos nesa dinámica.