José Luís Mascareñas: "O financiamento da ciencia é moi deficiente"

José Luís Mascareñas, director científico do CiQUS (Foto: CiQUS).
O Centro de Investigación de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC fai 10 anos á vangarda da ciencia. Os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril realizarán un simposio en Compostela para conmemorar o aniversario no cal participará, entre outros, o Premio Nobel de Química David MacMillan.

—Que é o CiQUS e que importancia ten no mundo da investigación na Galiza?

O CiQUS é o primeiro centro singular da Universidade de Santiago de Compostela que abriu as portas. Seguimos un modelo novidoso de investigación que non se probara antes. O modelo do centro baséase na selección competitiva tanto de investigadores libres como de estudantes e na avaliación continuada que consiste en que, cada dous anos, visítanos fisicamente un comité de expertos externo de alto nivel.
O comité avalía de maneira moi seria e rigorosa a evolución do centro e os grupos de investigación. En conclusión, seguimos un modelo de autoexixencia e de rendemento de contas á sociedade, o que supón un estrés engadido mais non é un problema, gostamos de que nos avalíen e que nos digan as cuestións en que temos que mellorar, pois iso produce un progreso científico moi importante.

—Cal é o balance que fan destes dez anos de funcionamento?

O balance é positivo. Como consecuencia desta forma de traballar, todos os nosos indicadores de produtividade son positivos. As nosas publicacións teñen un grande impacto internacional, algo que se pode medir segundo o tipo de revistas en que se publican. Conseguimos aumentar significativamente o número de publicacións en revistas de alta exixencia científica. 
Outro indicador moi importante é o de captación de recursos, conseguimos multiplicar por dez os ingresos por proxectos competitivos que non teñen que ver cos ingresos de financiamento público. Trátase de ideas ou proxectos que presentamos a diferentes convocatorias estatais ou internacionais e temos que competir para que nos outorguen os recursos. Somos o centro galego con máis indicadores de prestixio e temos tantos como pode ter a Universidade Complutense de Madrid. 
O noso centro tamén destaca no ámbito da formación, nestes momentos entre estudantes de doutorado e xa doutorados hai sobre 130 persoas que están a recibir unha formación de alto nivel e que terán unha boa cualificación tanto a nivel profesional como académico. En definitiva, o CiQUS é beneficioso para a Galiza porque todo isto repercute na creación de emprego de calidade e, por tanto, riqueza.

—Alude á riqueza. Hai suficiente apoio institucional para as investigacións científicas?

O financiamento da ciencia, en termos xerais, é deficiente. O Goberno do Estado leva anos sen financiar axeitadamente a investigación científica, está moi por debaixo da doutros Estados como Alemaña ou Francia. En xeral, todas as Administracións falan moito de apoiar a ciencia mais á hora da verdade non o fan, xa que, polo visto, non poden sacar rédito electoral diso.

—Que podemos agardar do CiQUS no futuro?

Eu creo que o modelo está consolidado. Os investigadores líderes que temos no centro son brillantes e hai moi bo ambiente, por tanto, non teño ningunha dúbida de que seguiremos aumentando os nosos indicadores de produción e de que continuaremos a contribuír ao avance económico e á creación de riqueza no país.

—En que van consistir os actos de conmemoración do décimo aniversario do CiQUS?

Vai haber actos científicos e sociais, que terán lugar na Cidade da Cultura e serán unha serie de conferencias impartidas por personalidades de primeiro nivel entre as que están o Premio Nobel de Química de 2021, David Macmillan, e será a primeira viaxe fóra dos EUA que fará desde que gañou o Premio Nobel.