Financia a Xunta o Camiño de Javier Negre, da canle de extrema dereita EDA TV?

Imaxe promocional dun dos vídeos do 'Camiño de Negre', cos logos do Xacobeo 21-22 e a Xunta. (Fonte: EDA TV)
Durante a súa andaina, que rematou esta sexta feira, Negre aproveitou para interpelar Abel Caballero, a quen cualificou de "chavista", e a Miguel Anxo Fernández Lores, de quen dixo que ten "unha cidade preciosa repleta de sucidade".

O xornalista Javier Negre, promotor da canle de YouTube afín á extrema dereita EDA TV, informou nas súas redes sociais o pasado 30 de setembro de que iniciaba o Camiño de Santiago desde A Guarda, nun chío no que citaba os perfís oficiais do Xacobeo e da Axencia de Turismo da Galiza.

Desde entón, Negre publicou en YouTube vídeos diarios nos que informaba dos seus avances e nos que se podían apreciar claramente os logotipos do Xacobeo e da Xunta.

Aliás, en todas as súas publicacións en redes mencionaba a conta do Camiño Xacobeo, indicios que apuntan a un patrocinio da súa andaina por parte da Administración galega.

(Fonte: EDA TV)

Nós Diario tentou contactar ao longo da semana en máis dunha ocasión con Turismo da Galiza para preguntar por esta cuestión, mais a día de hoxe o xornal aínda non obtivo resposta ningunha.

No portal de contratación da Xunta, por outra parte, non se acha información referida a un posíbel contrato asinado coa produtora, EDA TV Consulting SL, se ben cómpre salientar que os denominados contratos menores non teñen a obriga de recollerse neste rexistro e, por outra parte, a súa publicación non é inmediata.

Polémica con Caballero e Lores

Ao longo do seu Camiño, que rematou esta sexta feira coa tradicional visita á praza do Obradoiro, Javier Negre protagonizou —e difundiu na súa canle— un enfrontamento verbal co alcalde de Vigo, Abel Caballero, a quen acusou de "vetar" as súas preguntas.

"Que Abel Caballero é un alcalde chavista non é só porque teña un Aló Presidente cada noite nunha televisión local. Tamén polos seus intolerábeis ataques á liberdade de prensa. En Vigo ten a maioría da prensa comprada e dálle medo enfrontarse ás nosas preguntas", afirmou, algo que o propio Caballero desmentiu nos seus vídeos, nun momento no que Negre o interpelou camiñando pola rúa: "Cando queiras, pídeme unha entrevista".

Ao seu paso por Pontevedra, o polémico xornalista dedicou tamén unhas palabras críticas ao rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen acusou de ter "unha cidade preciosa repleta de sucidade" porque, dixo textualmente, "o comunismo só trae ruína".