A fin de semana deixa cinco falecementos relacionados coa Covid-19

Os casos positivos por Covid-19 continúan en ascenso (Imaxe: Europa Press).
O falecemento dun home de 66 anos, con patoloxías previas, eleva a cinco as cifras de mortes relacionadas coa Covid-19 durante a fin de semana. Nos últimos 17 días, foron 14 os falecementos.

Un home de 66 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) faleceu este domingo con Covid-19, polo que a cifra total de mortes sitúase en 633 na Galiza.

Fontes da Consellaría de Sanidade indicaron que esta persona, que presentaba patoloxías previas, dera positivo por coronavirus.

Desta maneira, esta fin de semana coñecéronse na Galiza cinco falecementos, catro deles comunicados este sábado. Trátase dos casos de dúas mulleres, de 91 e 89 anos, ingresadas tamén no CHUAC; o dun home de 92 anos na residencia Orpea de Culleredo; e o doutro home de 68 anos que era usuario da residencia do Incio, pero estaba ingresado no Hospital Lucus Augusti.

Con estas, son 14 as mortes rexistradas na Galiza nos últimos 17 días. O dunha muller de 91 anos o pasado 7 de agosto en Ourense foi o primeiro falecemento en desde o inicio da 'nova normalidade'. A comunidade encadeara até ese momento case dous meses -desde o 10 de xuño sen decesos relacionados coa Covid-19.

O maior foco, con persoas falecidas, relacionadas co coronavirus na última semana tivo lugar na residencia de maiores do Incio.