Beber no monte, a nova estratexia da mocidade para xuntarse a pesar das restricións?

A rapazada foi descuberta nunha zona de monte. (Foto: Europa Press)
A Garda Civil de Culleredo disolveu un botellón que decorría no paseo fluvial do río Mero. Así mesmo, as autoridades identificaron a máis de 320 persoas nas inspeccións da fin de semana para seguir o grado de cumprimento das limitacións derivadas da Covid-19.

As restricións na mobilidade, na apertura de locais de ocio e na posibilidade de pasar tempo con persoas non convivintes están a facer que algunhas galegas e galegos agudicen a creatividade para buscar fórmulas coas que bordear esas normas da Xunta.

A situación semella especialmente dura para a mocidade, que aliás de lamentarse de non aproveitar o tempo coas amizades, propón novos formatos de botellón insospeitados. É o caso, por exemplo, do que decorreu esta fin de semana no municipio de Culleredo.

A Garda Civil tivo que disolver unha quedada na que participaba un grupo de rapaces e rapazas, a maioría menores de idade, que ademais non portaban máscara. Para evitar, ou reducir o risco de ser descuberto, este grupo organizara o botellón no paseo fluvial do río Mero, nunha zona rodeada de montes.

A cita foi o sábado arredor das 18 horas e unha patrulla que facía as labores de vixilancia para garantir o cumprimento das medidas para frear os contaxios do coronavirus descubriu á rapazada, de entre 15 e 18 anos.

Segundo os axentes, varias persoas intentaron escapar ao velos mais, coa colaboración da Policía Local do concello, foron quen de identificar a todas e todos os participantes. Algúns deles “tiñan síntomas de embriaguez”.

A Garda Civil chamou aos pais para informalos do sucedido e explicarlles que os participantes nese botellón, para o que desprazaran cadeiras e mesmo un colchón (como se pode apreciar na imaxe, a unha zona con árbores do paseo, serían propostos para unha sanción por xuntarse con non convivintes e, ademais, sen máscara.

Malia ser este o último caso, non é o primeiro que se da a coñecer en tempos de pandemia. Xa houbo moitos outros, especialmente no verán (algúns nas praias), e haberá tamén os que pasen desapercibidos por escapar das miradas da xente.

A Policía Autonómica abre 50 actas de infracción

No entanto, estas mozas e mozos de Culleredo non foron as únicas persoas identificadas esta fin de semana na Galiza. Durante o sábado e o domingo, tan só a Policía Autonómica parou a 324 individuos para saber a onde ían ou se estaban a saltar as normas actuais pola pandemia.

A Vicepresidencia primeira da Xunta concretou que houbo 73 cidadás localizadas en 26 dispositivos nas localidades de Bande, Calvos de Randín, Ourense, Riós, Muíños, Xinzo de Limia, A Rúa, San Cibrao das Viñas e Vilardevós.

Outras 53 inspeccións realizáronse en Compostela, A Coruña, Bergondo, Frades, Ordes e Sada. En total tramitáronse medio cento de actas de infracción.

Ademais, este corpo de seguridade tamén velou porque os locais que teñen permiso para estar abertos cumpriran coas regras estipuladas neste momento.