Fin ás medidas adoptadas no ámbito xudicial para facer fronte á pandemia de Covid

Xulgados de Santiago (Foto: Nós Diario).

Os órganos de Goberno dos distintos tribunais deberán deixar sen efecto aquelas que permaneceran vixentes na actualidade

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) acordou esta quinta feira trasladar aos órganos de Goberno do Tribunal Supremo, Audiencia Nacional e Tribunais Superiores de Xustiza que deben absterse de adoptar as medidas organizativas e tecnolóxicas previstas na lei para facer fronte á pandemia de Covid-19 e deixar sen efecto as que se atopen vixentes neste momento.

A través dunha nota de prensa, o órgano de Goberno dos xuíces informou de que a Comisión Permanente adoptou esta decisión como consecuencia do acordo tomado esta mesma semana polo Consello de Ministros e de Ministras, que declarou a finalización da situación de crise sanitaria provocada pola pandemia.

"No ámbito da Administración de Xustiza, dito acordo supón a suspensión de medidas tales como celebración telemática de actos procesuais, limitacións no acceso ás salas de vistas, dispensa da utilización de togas ou establecemento de formas non presenciais de atención ao público", apuntou o CXPX.

A Comisión Permanente explica que, a partir desta cuarta feira, as citadas medidas quedan privadas de eficacia, debendo os órganos de Goberno dos distintos tribunais non só absterse de adoptalas senón proceder a deixar sen efecto aquelas que permaneceran vixentes na actualidade.

"O acordo será comunicado á Fiscalía Xeral do Estado español, ao Consello Xeral da Avogacía Española, ao Consello Xeral de Procuradores de España e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España", conclúe a nota.