COVID-19

Fin da obrigatoriedade das máscaras en centros sanitarios, sociosanitarios e farmacias

Unha muller colocaunha máscara. (Imaxe: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

Acábanse case 'de facto' todas as restricións que se impuxeron co estalido da Covid-19 hai xa máis de tres anos.

O Ministerio de Sanidade e as comunidades acordaron esta sexta feira "por consenso", no marco do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), a retirada da obrigatoriedade das máscaras nos centros sanitarios, sociosanitarios e as farmacias, unha medida instaurada coa chegada da pandemia da Covid-19 no ano 2020. Son os únicos espazos nos que aínda é obrigatorio o seu uso, após a retirada da obrigación no transporte público o pasado 8 de febreiro.

Segundo confirmaron á axencia Europa Press fontes sanitarias, a partir de agora, tras a súa aprobación en Consello de Ministros e Ministras, en lugar dunha obrigación, estará só recomendado levar as máscaras nestes espazos.

En calquera caso, tal e como suxeriu o ministro de Sanidade, José Miñóns, nas últimas semanas, aínda se podería manter a obrigatoriedade das máscaras nalgúns espazos sanitarios onde haxa especiais características e pacientes inmunodeprimidos, como as UCI, as zonas de pacientes oncolóxicos, quirófanos ou Urxencias.

A decisión tomouse, segundo estas fontes, após escoitar o informe técnico dos expertos do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), liderados polo doutor Fernando Simón. Miñóns xa avanzou nos últimos días que só se tomaría esta medida "escoitando os expertos".

Tras este "consenso" ao que chegaron Sanidade e os conselleiros, agora terá que ser o Goberno español o que poña o día exacto no que decaia a obrigatoriedade. Previsibelmente, o Executivo podería levar este asunto ao Consello de Ministros e Ministras ordinario da terza feira, 27 de xuño. Posteriormente, sería publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) e, así, entraría en vigor.

A medida, que chega en plena precampaña para as Eleccións Estatais do 23 de xullo, foi cualificada de "electoralista" por varias comunidades, principalmente do PP, como a Comunidade de Madrid.

A fin das máscaras

Até o momento, as máscaras eran obrigatorias nos centros e servizos sanitarios como hospitais, centros de saúde, clínicas dentais, centros de reprodución humana asistida, centros de interrupción voluntaria do embarazo e outros centros de atención especializada.

Tamén se tiñan que usar nas farmacias e nas residencias, aínda que neste último lugar só era obrigatoria para os profesionais que traballaran neles sempre que estivesen en contacto con residentes e para os visitantes cando se atopasen en zonas compartidas.

Hai catro meses, o 8 de febreiro, España deixou de ser o único Estado da Unión Europea que mantiña a obrigatoriedade do uso das máscaras nos transportes públicos. Esta medida produciuse meses despois de que o aprobaran o resto de Estados comunitarios, aínda que en moitos seguíase a manter a recomendación de utilizala en espazos fechados e en transportes públicos co fin de previr o contaxio da Covid-19.

A retirada das máscaras nos transportes produciuse case un ano despois de que o seu uso deixara de ser obrigatorio no exterior, medida aprobada o 10 de febreiro de 2022, e uns meses máis tarde (o 20 de abril de 2022) de que xa non se utilice nos espazos interiores.

Agora, tampouco se terá que usar máscara nas farmacias e nos centros sanitarios, algo que tiveron que facer durante toda a pandemia de Covid-19. Coa medida aprobada esta sexta feira polo CISNS, acábanse case 'de facto' con todas as restricións que se impuxeron co estalido do virus hai xa máis de tres anos.