A fin da máscara nas escolas, un bo modelo pero prematuro

Na Galiza, a Xunta segue a recomendar o uso da máscara nos patios escolares ao aire libre (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).
A proposta da Asociación de Pediatría de retirar a máscara no interior das aulas de forma inminente e progresiva aviva o debate sobre a necesidade de "normalizar a transmisión do virus" e centrar os esforzos na poboación máis vulnerábel e na prevención dos casos "con maior impacto clínico".
 

Ómicron virou o curso da pandemia e acelerou a discusión sobre un cambio de paradigma no manexo da situación epidemiolóxica. Un debate necesario, que a Asociación Española de Pediatría vén de animar cunha dobre proposta. Por unha parte urxe a retirada do uso obrigatorio da máscara nos espazos escolares ao aire libre, unha medida xa aprobada polo Goberno do Estado que na Galiza aínda non callou ante a recomendación da Xunta de mantela mentres as crianzas non completen a vacinación fronte a Covid. En plena sexta vaga, "con taxas de incidencia claramente descendentes", advirte o colectivo profesional é "incoherente desde todo punto de vista".

Por outra, achega un calendario detallado para unha retirada progresiva da obrigatoriedade do uso das máscaras en interiores que comezaría o 28 de febreiro e remataría o 9 de maio, con cinco fases que involucran todos os cursos de Primaria, Secundaria e Bacharelato.

A súa proposta parte dunha evidencia "documentada" durante a pandemia. As crianzas son "pouco vulnerábeis á doenza grave". É o momento de "aceptar que siga habendo transmisión pero centrando os esforzos en previr os casos con maior impacto clínico", ademais de volver a atención cara a escolarización presencial e os beneficios dunha "auténtica integración psicosocial e adaptativa dos menores".

Atención e espera

Desde Anpas Galegas, Fernando Lacaci agradece a iniciativa e a posición das pediatras, fronte aos discursos da clase política. Defende a retirada inmediata da máscara dos patios escolares da Galiza e, sen entrar a valorar se o calendario que achegan as pediatras é o máis idóneo para empezar a retirala dentro dos colexios, pon o foco no déficit de atención que sofre o alumnado "desde marzo de 2020". "Levan dous anos pelexando cunha situación emocional moi complexa, coa axuda das familias e do profesorado mais co total abandono das autoridades educativas". 

Reclama que se pense dunha vez na rapazada, en solucións coherentes e con aval científico, non baseadas na arbitrariedade dun sistema que fixo das escolas unha sorte de "cuarteis" e que segue a prexudicar o alumando ausente. "O goberno actual dos casos activos ─365 en Infantil con dúas aulas fechadas e 4.502 noutros centros, con 17 clases clausuradas─ permite a xestión das aulas, mais non dos estudantes que non poden acudir. Sofren unha desatención absoluta que non se corrixiu", afirma.

Para o catedrático de Microbioloxía da USC Jesús López Romalde a máscara en exteriores "tense que eliminar xa", pero amosa "unha dúbida razoábel" ante a fin da obriga de levala en interiores. "Aínda que están baixando moito, os niveis de transmisión comunitaria son moi altos. A última vez que se eliminou o groso das restricións tiñamos unha incidencia por baixo de 100. Hoxe seguimos por riba de 1.000". López Romalde é partidario de esperar un pouco, mais concorda coa idea das pediatras: o ámbito escolar pode ser un bo campo de probas para ver como se comporta o virus sen máscara antes de dar o salto á súa retirada entre a poboación adulta.