Fin ao "paternalismo" e á incapacitación xudicial das persoas con discapacidade

A lei pon fin á tutela e á patria potestade prorrogada (Foto: Down Galiza).
A reforma da lexislación civil e procesual muda por completo como o Dereito entende a discapacidade e as persoas con discapacidade, titulares a todos os efectos da súa capacidade xurídica para seren "protagonistas da súas vidas". 

O pasado 3 de setembro entrou en vigor a Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

Unha reforma moi agardada polas persoas con discapacidade, as súas familias e as entidades que as acompañan no seu desenvolvemento. É o caso da Federación Down Galiza, que vén de celebrar a entrada en vigor da reforma normativa cun vídeo explicativo que busca dar a coñecer os cambios fundamentais.

Non é unha cuestión de opinións é unha cuestión de dereitos humanos

A lei remata coas incapacitacións xudiciais das persoas con discapacidade e pon fin a figuras como a tutela ou a patria potestade prorrogada, e promove, no seu lugar, un sistema de apoios individualizados e adaptados ás necesidades de cada persoa para que poidan tomar as súas propias decisións libremente e con toda a información posíbel.

Apoio no canto de tutela

Maripaz García Rubio, catedrática de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Sección Primeira da Comisión de Codificación encargada da elaboración do borrador do proxecto de lei, repasa en menos de cinco minutos os apoios previstos na lexislación, o significado real do novo sistema proposto e a situación na que quedan as persoas con discapacidade que estaban incapacitadas xudicialmente ata este momento.

A reforma lexislativa, aclara García Rubio, implica que "as persoas con discapacidade teñen capacidade xurídica nas mesmas condicións que as demais, que son as titulares do dereito e que teñen o dereito a exercitalo, para seren as protagonistas das súas vidas e tomen as decisións co apoio que precisen".

Desta forma, non se pode incapacitar unha persoa nin modificar a súa capacidade xurídica. "Dá igual o que digan as sentenzas, quedan automaticamente eliminadas", advirte a catedrática, ao igual que todas as prohibicións de dereitos plasmadas nos autos.

Respecto pola vontade da persoa

A lei prevé tres niveis de apoios. De entrada propón que cada persoa decida voluntariamente que apoios quere e para que cunha mediación notarial. De non ser o caso, o texto prevé que sexa a familia, a contorna da persoa, o que se coñece como gardador de feito, quen a apoie.

"Que sucede cando o gardador de feito desaparece ou ten medo de deixar a persoa desprotexida?" Só neste caso a lei contempla a intervención dun xuíz, explica Maripaz García Rubio. "O xuíz nomeará un apoio, un curador, que terá que asistir a persoa con discapacidade para que tome as súas propias decisións".

Os apoios que xa estean exercendo como tal “non teñen que facer nada” incide a experta. Só seguir apoiando, mais non no sentido de facer o que a vós vos pareza mellor aínda que a persoa non o queira”.

Non é unha lei para os menores

A lei non afecta aos nenos e nenas con discapacidade, subliña García Rubio, "porque os dereitos dos nenos con discapacidade son exactamente os mesmos dereitos que os dos demais nenos".

"E as persoas con discapacidade son persoas cos mesmos dereitos e obrigas que as demais. Non é unha cuestión de opinións é unha cuestión de dereitos humanos", conclúe.
 
Coa entrada en vigor desta normativa dáse cumprimento ao mandato do artigo 12 da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que obriga os Estados a garantir a igual capacidade xurídica das persoas con discapacidade en todo o tráfico xurídico, sen restricións nin exclusións, prestando apoios para a toma de decisións cando sexa preciso, pero sen substituír á propia persoa.

Consolídase, así, unha das reformas legais máis demandadas polos colectivos de persoas con discapacidade, que suporá un cambio radical en como o Dereito civil entende a discapacidade e as persoas con discapacidade, inciden desde Down Galiza, pasando “do esquema paternalista e restritivo de dereitos da substitución ao promotor dos apoios na toma de decisións”.