Filosofía, outra vez expulsada das aulas

A última reforma educativa do Goberno rebaixa o peso da Filosofía na ESO ao tempo que a reforza en Bacharelato. (Foto: Migue Suárez)
O profesorado de Filosofía volve á carga para evitar que o alumnado de Secundaria se vexa privado dunha materia que a última reforma educativa do Goberno non considera. O futuro currículo da ESO non inclúe a Ética nin a Reflexión Moral como pedían os docentes. E sen Filosofía, din, non hai coñecemento nin revolución. 

A proposta do Goberno do Estado para unha nova ordenación académica do Ensino Secundario Obrigatorio e do Bacharelato xa está en mans dos Gobernos autonómicos. Desde a pasada sexta feira analizan os cambios deseñados polo Ministerio de Educación, que fixa máis materias optativas para a ESO e dúas novas modalidades en Bacharelato: Ciencias e Tecnoloxía; Humanidades e Ciencias Sociais; Artes, cunha modalidade orientada á música e ás artes escénicas e outra ás artes plásticas, a imaxe e o deseño, e o Bacharelato Xeral, tamén de nova creación, que integrará materias científicas e humanísticas.

A reorganización das materias educativas elaborada polo Executivo estatal volve modificar a oferta de Filosofía, unha materia que cada poucos anos, e case que con cada reforma educativa, se ve na obriga de reivindicar tempo e espazo suficiente nas aulas.

Tras esta última ordenación, a materia non aparece no currículo da ESO como reclamaba o profesorado, mais tampouco se cita como optativa para o alumnado de cuarto, alén do que decidan os territorios.

A oferta inclúe una nova materia: Valores Cívicos e Éticos, que se impartirá polo menos un curso entre primeiro e terceiro, ou de forma excepcional en cuarto, se non se deron as condicións para programala nos tres cursos anteriores. Ao mesmo tempo, a Filosofía consolídase en Bacharelato. Pasa a ser obrigatoria para todo o alumnado. Xa o era en primeiro, e a partir do vindeiro curso tamén o será en segundo baixo a denominación de Historia da Filosofía.

Materias "placebo"

Esta materia foi unha conquista do profesorado. En 2017 levou ao Parlamento galego unha iniciativa lexislativa popular -asinada por máis de 8.000 persoas e aprobada por unanimidade- que pedía considerar esta disciplina como materia troncal no Bacharelato e que, ademais, instaba o Goberno español a estudar a situación da Filosofía no sistema educativo. 

En 2018 o Congreso dos Deputados pactou, tamén por unanimidade, blindar a materia de Ética na ESO e Historia da Filosofía en Bacharelato. Mais sucesivas reformas aseguraron unha presenza minguante nas aulas de contidos que o colectivo docente segue a defender como imprescindíbel para o alumando. "Cada reforma educativa afonda nun erro esencial: non intentar planificar unha ensinanza obrigatoria de 12 a 16 anos con sentido", resume Carme Adán, catedrática de Filosofía e profesora no IES Politécnico de Vigo.

Segundo explica a Nós Diario, os sucesivos cambios educativos teiman no "erro de introducir materias dunha hora que non serven para nada". O único que consegue este modelo, di, é sobrecargar o alumnado cunha morea de materias "superfluas" que o privan "dun pensamento crítico e dunha continuidade nas aulas que garantan a súa formación" nunha disciplina concreta. 

Carme Adán pon como exemplo a formación en igualdade. "Se de verdade queres que a rapazada se forme con perspectiva de xénero ten que ser a través dunha materia con carga horaria e duradeira no tempo". Non pode ser mediante unha materia "placebo", di , esas que se inclúen na lista de optativas porque "dano non fan". Pero tampouco melloran o "aspecto educativo de base", conclúe. 

Ética e reflexión moral

Neste sentido, o profesorado de Filosofía defende unha materia con carga horaria e cun perfil de ética e reflexión moral para todo o alumnado da ESO. "Non podemos contentarnos só cunha materia de Valores Cívicos -materia espello como alternativa a Relixión-, cun currículo tan extenso que vira en algo descafeinado. O que temos que darlle ao alumnado é formación para pensar por si mesmo". E iso, afirma, pódese facer a través dunha materia como Ética e Reflexión Moral que achegue ás aulas nocións de ética "que permitan reflexionar sobre o ben e o mal, que é o razoamento moral, por que o precisamos para un mundo tecnolóxico e científico como no que estamos".

Adán reivindica a historia das ideas e a construción do pensamento a canda a historia dos feitos. "Non chegamos onde estamos por azar. Os dereitos e liberdades non son tan evidentes. Requiren reflexión".

A pesar do compromiso do Congreso, non se conseguiu, advirte. E a única vía "para corrixir este erro", sinala a docente, pasa polas materias que decida ofertar o Goberno territorial. No caso da Galiza, o profesorado, a través da Olimpíada Filosófica, solicitou unha xuntanza coa Consellaría de Educación para coñecer os seus plans antes de reunirse cos grupos parlamentarios. "Esperamos que a marxe que teñen as autonomías para configurar o currículo definitivo nos axude a introducir a Ética  na ESO e a ampliar a tres as horas tanto de Filosofía como de Historia da Filosofía en Bacharelato".

Educación emocional para a rapazada da ESO

O PSOE vén de rexistrar no Congreso dúas iniciativas que reclaman ao Goberno varios cambios no currículo educativo. Dunha banda, unha maior presenza da muller e as súas achegas en diferentes ámbitos en todas as materias, e doutra, a inclusión da educación emocional do alumnado en todas as etapas. Outra proposta que reforza a fragmentación da oferta educativa que censura Carme Adán.

"Con 12 ou 13 materias o alumnado e case outros tantos grupos o profesorado, nin a calidade educativa é a mesma nin a rapazada está en disposición de aprender. Non ten tempo para traballar con calma".