A pandeira soa en Cervantes na defensa do ensino para as crianzas dos Ancares

A cita é a partir das 18:00 horas esta sexta en San Román de Cervantes. Música, artesás e artesáns, historia e reivindicación danse a man para diciren non aos recortes do ensino nos Ancares

A Plataforma en defensa da montaña e do rural, que integran pais e nais do alumnado do Incio, Samos, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Navia de Suarna, organizan para esta sexta unha festa no patio do colexio de San Román de Cervantese. Será a partir das seis da tarde e haberá desde actuacións musicais (grupos de Becerreá, Doiras,... e un grupo do Piornedo que tocará a pandeira, instrumento tradicional da zona) até postos con produtos tradicionais do contorno (queixo, mel...). E artesás e artesáns deses concellos que amosarán os oficios e traballos tan ligados á cultura e ao xeito de ser dos Ancares. 

No transcurso desta festa, "que queremos que sexa como as de antes, coa implicación directa da veciñanza", procederase á lectura dun manifesto en defensa do ensino na montaña e o rural, contra o abandono e desartellaento do sistema de educación público en zonas desta comarca. "Queremos que as nenas e os nenos sigan vivindo aquí, onde naceron. E para iso, temos que ter unha educación pública".

Esta plataforma desenvolveu nos últimos meses diferentes iniciativas en defensa deste dereito, como facer por tramos o camiño de Santiago reivindicando o dereito a ter un servizo público e de calidade como o é a educación