O Festiletras ou máis un xeito de amar Galiza

Cartaz desta edición

O pequeno núcleo rural do Couto acollerá desde esta cuarta feira até o domingo un desfile de música, literatura, obradoiros e ciencia

Após 36 anos, desde 1982, a aldea pontecesá do Couto voltará máis unha vez a ser epicentro da cultura galega. O evento arrincará esta cuarta feira coa entrega dos premios Os Bos e Xenerosos, e continuará a encher o pequeno lugar da parroquia de Cospindo con actuacións musicais, a tradicional feira de artesanía e, como novidade desta edición, o Festiciencia, que reunirá perto de mil alumnas de centros de ensino da contorna.

 

“A cultura non é só terreo de grandes cidades. Persoas do Couto, da Brixería, da Cepeira, de Carballido, de Brantuas, de Corme, da Ponteceso, da Trabe, de Anllóns, de Tella tamén teñen o dereito de amar Galiza”, afirman desde a organización do festival. Ese é o obxectivo da festa, que afronta desde dito pequeno núcleo rural a tarefa de “facerlles crer aos restantes que desde séculos existe un país con identidade de seu”.

 

Cultura para todas

 

Maio a maio, o colectivo detrás do Festiletras segue a conformar “o noso cativo ramo de flores” cunha programación para todos os públicos. As actividades deste ano inician na noitiña da cuarta feira 16 de maio, véspera do Día das Letras, cando campás, foguetes e gaitas da banda de Inllar darán entrada ao acto de entrega de premios Bos e Xenerosos. Será ás 21 horas na sede da Fundación Eduardo Pondal, con Patricia Blanco como anfitrioa dunha gala que recoñecerá o traballo de Marilar Aleixandre, Xaquín Marín, Quico Cadaval e Sés.

 

Na quinta feira 17 de maio, Día das Letras Galegas, será tamén o turno da Festiciencia, a primeira feira científica da Costa da Morte e principal novidade deste ano. Con perto de 40 stands na fundación Eduardo Pondal, o acontecemento tamén incluirá palestras e obradoiros varios. O primeiro día, adicado á Internet, comezará ás 11 horas coa charla de José Viñas, ‘Ciencia cidadá’ e o artista Joseba Mp, que seguirá a completar a súa obra ‘Fenómenos do rural’.

 

A mesma fundación será tamén un estudio de radio improvisado para o programa ‘Efervesciencia’, que será gravado ás 12.45 horas. Logo disto, ás 13:30 horas, as visitantes poderán gozar dunha pequena sesión ‘Terras Gaudas’ coa música do dúo Voodoo antes de reenganchar coas actividades da tarde, que incluirán obradoiros de ‘Xeocoaching tecnolóxico’ e ‘Yayotech’ (tecnoloxía para persoas de idade avanzada). Paralelamente, a segunda metade do día tamén levará actividades á Casa dos Veciños, co espectáculo das 18 horas ‘Ciencia ou maxia?’, da man de David Ballesteros e o Mago Antón. Ás 20 horas, o grupo Fetén Fetén ofrecerá unha actuación musical e, ás 21 horas, diferentes lugares da comarca como a praia de Valarés ou o piñeiral serán punto de encontro para observar estrelas con Jorge Mira, a palestra ‘Ciencia para insomnes’ ou mesmo para practicar ‘láser graffiti’.

 

O Festiciencia pechará na sexta feira 18 de maio, día no que decorrerá durante todo o día a Feira de Proxectos e unha presada de obradoiros e eventos paralelos como os obradoiros co CSIC (construcción e programación de robots con postas en escea), a lembranza ao científico cormelán José María Mosqueira Manso e as actuacións do Centro Coreográfico Galego, Os Quinquilláns e Mamá Cabra. Na tarde da sexta feira tamén se fará entrega dos premios e Jorge Mira conducirá unha sesión de Café Científico. Á noite, na Casa dos Veciños, Xurxo Souto impartirá ‘Océano para terrícolas’, un obradoiro divulgativo sobre o léxico marítimo. Tanxugueiras e Xabi Solano darán o petisco musical da velada.

 

A xornada do sábado 19, o público poderá coñecer de experiencias e iniciativas de dentro e fóra da comarca co quinta edición do Encontro de aldeas singulares para logo poder disfrutar, ás 14 horas, dunha sesión vermú co Etnográfico de Vilanova dos Infantes e co grupo Castro Floxo da Deputación de Ourense. Á tarde será o turno de ‘Literatas’ e de regueifas con Alba María e Lupe Blanco, alén de ‘porondeo meucarropasa’, un percorrido pola música tradicional con Xa Era Hora, O Son do Castro, a Sona de Bergantiños e Farrapas. Mounqup, Txarango e Igmig pecharán a noite coa súa música.

 

Por último, o domingo 20 será o peche da XXXVI Feira de artesanía, que comezara o día anterior. Tamén haberá espazo para a formación, cos obradoiros de Naturizo; para os contos coas narracións de Anxos Moure; e para a música, coa actuación de Cé Pantasma e Pakolas. A mediodía, grupo Terbutalina amenizará a sesión vermú, que será precedida por unha ofrenda floral na Fundación Manuel María, onde a Coral A Oliveira interpretará ‘O Carro’. Para clausurar un ano máis, Sés ofrecerá o concerto de clausura ás 17 horas.