Festigal lanza a segunda edición do concurso de novos valores

[Imaxe Festigal]

"Queremos poñer en marcha esta ferramenta de difusión para descubrir novos talentos que fagan música e letras en galego", sinalan. 

A organización do Festigal, o evento cultural que ten lugar os días 24 e 25 de xullo con motivo do Día da Patria, presentou a segunda edición do concurso de novos valores. 

Esta iniciativa, lanzada por vez primeira en 2015 visa "pór en marcha" unha "ferramenta de difusión para descubrir novos talentos que fagan música e letras en galego", sinalou en comparecencia de imprensa Tania Ameneiro da Fundación Galiza Sempre, unha das entidades organizadoras xunto con Galiza Nova, as mocidades do BNG. 

Cruz Negreira, As Maianas: "O concurso de Novos Valores axuda a abrir outras portas e a gañar visibilidade no panorama da música galega"

O Festigal foi galardoado en 2014 nos Premios Martín Códax da Música co Premio Organistrum Festivais que o recoñeceu como espazo de difusión e aposta pola música do país. Neste senso, Cruz Negreira, unha das integrantes de As Maianas, o grupo gañador da pasada edición asegurou que se trata dunha "experiencia boísima" que, asemade, "axuda a abrir outras portas e a gañar visibilidade no panorama da música galega". Así pois, agradeceu, “o labor de promoción cultural do Festigal para axudar a estas bandas emerxentes, xa que non está a facer dende outros ámbitos”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, sinalou que o concurso "vai divulgar novas creadoras e novos artistas da Galiza no ámbito musical en momentos en que a Xunta trata con absoluto desleixo a creación musical do noso país, pois recorta orzamento público para este sector, ao tempo que promove grandes artistas enriquecidos de fóra cunha política cultural afastada da nosa cultura" polo que "se rebela contra estas políticas contrarias á cultura galega e fomenta a nosa identidade e a creación dende a base", acrecentou. 

Mini, Xurxo Souto, Marcos Paino e Aracha Alfaia, no xurado

O xuri

Nesta edición a banda ou artista gañadora será elixida por un xurado composto por Xurxo Souto, Arancha Alfaia, Marcos Paino e “Mini” Rivas, para alén dunha persoa en representación da comisión organizadora do Festigal. 

As persoas ou grupos que queiran participar deberán presentar os seus traballos de acordo co disposto nas bases entre o 11 de abril ao 26 de maio.