Caderno de Verán

A 'festicultura' é moi segura con Fernando Simón

A festa tamén chegou á mostra teatral de Cariño (Foto: Luismy)
Festicultores Troupe está de 15 aniversario pero non puido saír ás rúas co espectáculo que tiña previsto. No entanto, fichou a unha cara coñecida nestes meses e leva no seu show cancións e coreografías dedicadas á Covid-19

Atecnoloxía alieníxena galaica estréase na Galiza da man da Festicultores Troupe (e da súa nave especial), unha banda que non pode faltar na axenda festeira do país malia que este verán parte da celebración vaia por dentro. O grupo presume de terse aliado con parentes do mesmo ET para crear o "festicultor", que está en todos os seus espectáculos desta tempada achegando lucerío, son, crechas e diversión a cada pegada no acelerador. "É unha ferramenta moi innovadora", conta o cantante Emilio Oro. 

Ninguén o pon en dúbida porque estes cultivadores de festas tamén foron pioneiros nunha forma de ver as ruadas moi distinta á que existía. Os sete músicos e o técnico que fan encaixar todas as pezas desta tecnoloxía punta musical están de aniversario. Fan 15 anos dándolle a súa particular visión ás festas patronais e están contentos a pesar de que o show tivo que continuar con cambios. 

"Houbo que reformular todo", recoñece Oro. Mesmo o almanaque que tiñan completo e que quedou en bastantes menos datas. Mais como se acomodaron aos tempos e ás circunstancias, mantiveron nove aparicións en agosto e advirten de "catro ou cinco" datas en setembro, "pero vaise semana a semana sabendo que pode caer".

"Quixemos crear conciencia con humor e teatralizamos máis o espectáculo contratando un actor e clown", revelan, quizais tamén por sacudir a preocupación e mirar con optimismo ás caras das e dos paisanos por abducir co aquel alieníxena do festicultor. 
Neste contexto distópico aí que o vai, xogando a ser a cara máis vista deste ano tan raro. "Fernando Simón coa festicultura fai a festa máis segura", din.

Sempre desde o respecto pero coa ilusión de brindarlle un sorriso que precisa moito ao público, arríncanse a cantar "ao uso da máscara" e a "desdramatizar" un chisco cunhas desenfadadas coreografías sobre a arte de lavar ben as mans. Todo con humor, sen pretender ofender ninguén, e buscando "inmunizar con humor".

Este show, en principio, non viaxará fóra das fronteiras galegas pero... Quen sabe? Porén, eles andan a mirar se poderán bailar por eses 15 anos.