Festas en iate, sen máscara e con himno español a todo volume indignan a veciñanza

Iate na ría de Ares, fronte á praia de Río Sandeo (Fene).

As rías galegas están a acoller estes días numerosas embarcacións de recreo, algunhas delas para celebrar a bordo encontros en grandes grupos, sen máscaras nin distancia social. As imaxes crean indignación na veciñanza da costa.

Aínda que o tempo non fai mención a este mes de agosto, numerosas embarcacións de recreo locen xa nas rías galegas perto do mellores areais da nosa costa. Mais algunhas festas celebradas a bordo destes iates están a xerar indignación e gran preocupación na veciñanza de distintos puntos do país, que está a protestar nas redes sociais pola celebración continua de festas a bordo de iates en que se observa que non se cumpre nin coa distancia de seguranza nin co uso de máscaras.

Unha das últimas denuncias que chegaron a Nós Diario son imaxes dunha festa nunha embarcación na ría de Ares, fronte á praia de Río Sandeo, no concello de Fene. “Himno de Espanha incluido”, dixo a veciñanza, que ollou con indignación o incumprimento de todas as medidas na festa cando a poboación local leva ano e medio cumprindo coas restricións para impedir a propagación do coronavirus.