A festa de aniversario do alcalde, sen medidas anti-Covid, que arroiba a vila de Maceda

Fotograma do vídeo

En plena pandemia o rexedor celebrou os seus 50 anos cunha festa na que, segundo a oposición, non se respectaron as preceptivas medidas de seguridade.

A festa de aniversario de Rubén Quintas (PP), alcalde de Maceda, está a dar que falar nesta vila da comarca de Allariz-Maceda, e o asunto chegou a ser tratado nun pleno municipal, se ben o rexedor escudouse en que era un “asunto privado” para non dar explicacións públicas.

A súa liña de defensa durante os días de polémica na vila polo evento no Castelo de Maceda é que foi unha festa en novembro de 19 persoas nas que se respectou o límite de seis comensais por mesa.

Non o ven así a oposición, PSOE e Compromiso por Maceda, que nun comunicado conxunto emitido hai uns días lamentaban a falla de explicacións por parte do alcalde e que este non se disculpase. “O alcalde negouse a dar explicacións, a admitir a equivocación e a pedir desculpas, como moitas veciñas e veciños esperabamos que fixera”.

Un vídeo que recolle parte daquel festexo fíxose viral entre a veciñanza desta vila.