A Festa da Ostra enche Arcade convertida na capital gastronómica da Galiza

A Festa da Ostra de Arcade na mañá desta quinta feira, 3 de abril. (Foto: Nós Diario)

A XXXVIII edición da Festa da Ostra de Arcade, no concello de Soutomaior, arrancou esta sexta feira 3 de abril cunha programación para todos os públicos e unha oferta gastronómica de máxima calidade.

A presente edición da Festa da Ostra de Arcade arrancou o pasado 29 de marzo coa organización da 7K Soutomaior e da Carreira Infantil da Ostra, mais hoxe comezan os seus días grandes que se alongarán até o domingo 5 de abril.

As casetas abriron as súas portas este 3 de abril ás 12 horas. Nas mesmas pódense mercar as racións dunha ducia de ostras ao prezo de 12 euros mentres que os viños albariños de Soutomaior poderán adquirirse por 13 euros a botella.

Asistentes á apertura da Feira da Ostra. (Foto: Nós Diario)

O evento, que nesta anualidade cadra coas días feriados da Semana Santa, volveu encher un ano máis as rúas de Arcade, con xente chegada desde os diversos puntos de país e da península.

A festa permitirá degustar nesta edición ostra elaborada na experiencia culinaria “Os Tres”, que este ano ofrecerá tres preparacións distintas, que segundo a organización non deixara indiferente a ninguén.

Oferta musical

As actividades musicais desta sexta feira empezaron ás 12 horas co concerto de Chispas do Lérez. Porén, a parte musical desta xornada terá continuidade á noite cos actuacións  das orquestras Olympus e Finisterre.

A feira continuará o 4 e 5 de abril con mesma oferta gastronómica e novas actividades. Así, o sábado 4 a apertura das casetas volverá a realizarse ás 12 horas e continuará cun pasarrúas da formación Imperiais desde o Calvario até o Peirao. Pola noite chegarán as actuacións das orquestras Los Satélites e La Misión.

Xornada de feche

O domingo comezará a xornada ás 10 horas cun pasarrúas da Banda Artística de Arcade e da Banda Cultural de Arcade, desde o Calvario até o Peirao. As casetas de degustación abrirán ás 11 horas e, ás 13 horas, terá lugar o pregón, que nesta edición correrá a cargo da veciña da localidade María Codesido García.