A Festa da Auga de Vilagarcía, afectada pola seca: volven os caldeiros, mais non haberá mangueiras

Festa da Auga en Vilagarcía. (Foto: Turismo rías Baixas)
Nos últimos días, colectivos ecoloxistas criticaron o "malgasto" dos recursos hídricos por parte do Concello de Vilagarcía ao seguir adiante coa celebración.

Os efectos da seca están a deixarse notar en multitude de ámbitos do día a día das vilas e cidades da Galiza. As celebracións non escapan da falta da auga, e menos cando se trata da Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa, unha das máis populares do período estival no país. 

Precisamente, a principal novidade da edición deste ano, que comeza esta terza feira ás 12.15 horas, é que os asistentes volverán ser mollados pola veciñanza da vila desde os balcóns cos "tradicionais" caldeiros de auga. Porén, o Concello anunciou que non se habilitarán mangueiras na Praza da Galiza e na rúa Conde Vallellano.

Neste sentido, a concelleira de Cultura e Festas, Sonia Outón, explicou que o formato que deste ano está "adaptado ás circunstancias" e é "máis tradicional". Vilagarcía recupera así a Zona Húmida na que a veciñanza ten permitido tirar auga polas ventás con caldeiros.

A edil sinalou que esta medida tomouse para "reducir o consumo" ante a seca que afecta o país. Por parte da comisión veciñal Auga que non has de beber, tamén comparten esa opinión e remarcaron que "a sustentabilidade ten que estar en concordancia coa festa".

Outras medidas

Ademais de eliminar as mangueiras, por parte do Consistorio tamén se anunciou que as fontes ornamentais de Vilagarcía permanecerán baleiras mentres dure a festa, tal e como xa sucedeu en edicións anteriores.

Con todo, Outón sinalou que haberá "fontes de botón" nas que se poderán encher as pistolas de auga, globos ou outros obxectos empregados para o "combate corpo a corpo".

Tanto o Concello como a comisión veciñal aseguraron que estas medidas non van cambiar a celebración e aseguraron que "a diversión e as molladuras están garantidas".

Por último, o Goberno local pediu "o uso responsábel" da cantidade de auga da que fagan uso a veciñanza e as persoas que asistan doutras partes da Galiza.

Críticas dos ecoloxistas

Desde Ecoloxistas en Acción inciden en que "non se trata" dos litros de auga que se tirarán, senón da "mensaxe que se traslada á poboación" de que "pode seguir esgotando recursos críticos, como a auga, sen que isto cause graves consecuencias".

Os ecoloxistas preguntan que "autoridade moral" terá o Goberno local de Vilagarcía para demandar aos veciños e veciñas medidas drásticas de aforro no consumo de auga se se prolonga a seca, cando organiza unha festa que a "malgasta".